Anuncios
Ticker de novas

UCN urxe a adquisición de chan en Porto do Molle para a construción do almacén municipal

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Nave arrendada en Porto do Molle para almacén municipal.

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia a pasividade do alcalde Juan González para negociar con Zona Franca a adquisición de chan no parque empresarial de Porto do Molle destinado á construción de nave-almacén municipal, “sumamente necesario para albergar o parque de maquinaria e vehículos municipais, así como tamén para o depósito de material para os diversos servizos de vías e obras, así igualmente tamén para atender ás necesidades do persoal (vestiarios, aseos etc.)”.

UCN lamenta que o alcalde non estea a aproveitar o cambio político producido co nomeamento do novo delegado do Organismo -agora en mans do PSOE-, para normalizar as relacións institucionais entre ambas as dúas administracións, “un tanto deterioradas nos últimos tempos polos diversos contenciosos expostos por Zona Franca contra o Concello, como consecuencia das controversias xurdidas na aplicación dun convenio leonino para os intereses municipais e aprobado no seu día -durante o goberno do PSOE-, sendo concelleiro de Facenda e Urbanismo o actual alcalde Juan González, polo que se cedeu a Zona Franca os 100.000 m2 que o Concello dispoñía en Porto do Molle, a cambio dunha compensación económica, que agora está en litixio por non querer entregar o Organismo Estatal ao Concello os preto de 5 millóns de euros, equivalente ao 50% restante aínda pendente”.

UCN reprocha así mesmo, que a pesar de que o alcalde comprometeuse por escrito o seu grupo para impulsar a compra de terreo para a construción de nave-almacén municipal antes do 31 de xullo, como consecuencia do acordo alcanzado para o apoio dado por UCN á aprobación dos orzamentos municipais do ano 2018, o certo é que a día de hoxe aínda segue sen cumprirse, coa gravidade engadida de que o terreo dispoñible para chan industrial está a piques de esgotarse, ante a demanda producida nos últimos meses de compra de chan por parte de empresas, “o que pode levar a que o Concello quede sen terreos para a construción do almacén, e ter que seguir pagando os 26.000€ anuais que nos custa a nave arrendada a Zona Franca”.

Fernández Comesaña, urxe ao alcalde Juan González para que de forma inmediata negocie a compra de chan no Polígono de Porto do Molle, “antes de que sexa demasiado tarde e perdamos a oportunidade de dispoñer de chan necesario e urxente para albergar instalacións municipais”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios