Anuncios
Ticker de novas

Nigrán organiza en Chandebrito unha homenaxe no primeiro aniversario dos incendios

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // O Monte do Castro de Chandebrito tras os incendios forestais.

O Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito e a Asociación de Veciños “O Castro” organizan este domingo na parroquia un acto de homenaxe no primeiro aniversario dos incendios que arrasaron a contorna e causaron dúas vítimas, Angelina e Maximina.

A celebración arrancará ás 19:00 horas na contorna do “Bosque da Memoria”, unha reforestación feita hai meses detrás do Castro de Chandebrito e onde se instalará unha carpa ante a posibilidade de choiva. Os actos inclúen un recoñecemento público á veciñanza (a quen se invita a asistir) e ás entidades que colaboraron durante e despois da catástrofe. Ademais, descubrirase unha escultura conmemorativa realizada polo colectivo artístico “Arte no Queimado” (nacido a raíz dos lumes) e presentaranse proxectos medioambientais concretos para a zona. A continuación, haberá un magosto popular e música a cargo do recoñecido gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo e o guitarrista Diego Bea xunto ao grupo de gaitas “O Castro” de Chandebrito. A xornada rematará coa proxección en directo ás 21:30 horas do programa “Volando Voy” de Jesús Calleja que foi gravado no Val Miñor a tenor dos incendios e que prestou especial atención á parroquia.

“Será un acto en positivo, onde poñer en valor a nova concienciación medioambiental e o sentimento de unión e fraternidade xurdida nas parroquias de Camos e Chandebrito despois da catástrofe. Por suposto, será tamén un acto para o recordo das dúas veciñas de Chandebrito que perderon a vida nese día, Angelina e Maximina”, sinala o alcalde, Juan González.

Finalmente, se a climatoloxía o permite, o Concello de Nigrán ten previsto organizar o luns 15, no propio aniversario dos lumes, unha andaina polo futuro parque forestal Taboas-Os Matos, contorna que tamén foi devastada polo lume (cómpre recordar que en Chandebrito só sobreviviron 2 hectáreas do total de 232 de monte comunal e en Camos 20 ha do total de 370 ha).

2018-10-10 - Cartel_Incendios

Anuncios