O Concello de Baiona renderá homenaxe aos veciños e veciñas do municipio que colaboraron na extinción dos incendios que arrasaron o 15 de outubro de 2017 a Real Vila. O vindeiro domingo, día 14 de outubro, o Concello organizará un acto que lembre para sempre a traxedia e a solidariedade dos baioneses. A homenaxe, á que asistirá a corporación municipal, autoridades locais, representantes das distintas comunidades de montes do municipio, asociacións culturais, asociacións de veciños… e ao que están convidadas todas aquelas persoas que desinteresadamente colaboraron, terá lugar ás 12:00 horas no parque “Mercedes de la Escalera”, aos pés do monumento da Virxe da Rocha.
O acto principal da xornada será a inauguración dun monumento conmemorativo que deixe constancia da unión e solidariedade dos veciños e veciñas que traballaron xuntos, de xeito conxunto, conseguindo que non se producise unha desgraza de magnitudes maiores. «Ademais do efecto devastador das chamas, os incendios deixáronnos tamén unha pegada da solidariedade dos veciños e veciñas», apuntou o alcalde, Ángel Rodal, quen sinalou que a localidade «tiña unha conta pendente con todos os que, dalgún modo, axudárona a levantarse das súas propias cinzas”.
Hai un ano o pleno do Concello de Baiona aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional tras os incendios recoñecendo o traballo de todos os veciños e veciñas nos labores de extinción nos lumes, que tamén expuña a creación dun monumento á solidariedade veciñal. Desde o Concello quixeron facer coincidir o acto de homenaxe, recoñecemento e agradecemento á veciñanza co primeiro aniversario dos feitos.
O Concello de Baiona organizou este acto un ano despois da traxedia que non chegou a ser maior grazas á cidadanía de Baiona. Desde o Concello son coñecedores dos arduos esforzos realizados pola poboación para sufocar as chamas que irremediablemente se achegaban ás súas vivendas, tendo moitos veciños que utilizar todos os medios á súa disposición. Grazas á inestimable axuda de todos soamente produciuse unha perda ambiental pero ningunha vivenda foi pasto das chamas, pois finalmente co esforzo e a unión de todo o pobo baionés conseguiuse que non se producisen perdas maiores.

