Anuncios
Ticker de novas

O gondomareño Brais Misa proclámase campión do “Depo Desafío 2018”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo entrega esta mañá dos premios a Ariana González e Brais Misa, campioa e campión do “Depo Desafío 2018”, e dos trofeos a Castillo e Pérez, gañadora e gañador do tríatlon, a última das súas probas. Tanto González como Misa remataron as cinco probas (esixíanse catro) do “Depo Desafío” finalizando, deste xeito, unha media maratón, unha BTT, unha proba de trail, unha travesía a nado pola ría e un tríatlon, que a e o converteron en campioa e campión do “Depo Desafío” e acadaron, así, os dorsais personalizado para acudir ao maratón de Berlín, cos voos incluídos.

Carmela Silva felicitou a todas as persoas por ter participado na iniciativa da Deputación de Pontevedra e, particularmente, a Ariana González, do Rosal, e Brais Misa de Gondomar. “Hoxe daba gusto ver Samil cheo de deporte. Síntome orgullosísima de todos vós pero particularmente delas, das mulleres, que cada día ocupamos máis espazo, desas mulleres bravas que veñen demostrando que temos capacidade para acadar todo o que nos propoñemos”, subliñou a presidenta.

Amais, Silva tamén amosou a súa satisfacción pola altísima participación de deportistas no Depo Desafío, con máis de tres centenares de persoas nas súas cinco probas celebradas nos concellos da Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Grove, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Vigo. Neste ido, Silva adiantou que “o ano que vén queremos que participe moita máis xente porque o deporte é fundamental para construír sociedades mellores, máis cohesionadas, máis felices, con moi bo ambiente”.

Esta novidosa actividade deportiva que rematou hoxe en Vigo ía dirixida a deportistas amantes do deporte extremo. Todas e todos eles coincidían esta mañá, ao remate da proba, no seu desexo de que a Deputación de Pontevedra continúe o vindeiro ano coa proba, “xa que é difícil atopar probas do seu nivel en lugares tan privilexiados e a un prezo tan competitivo”.

O “Depo Desafío 2018” combinou ao longo destes tres meses probas deportivas cheas de experiencias, de emocións, e en contornas naturais desde a beira do Miño, ata a ría de Arousa, montes da Cañiza e de Cerdedo-Cotobade e praias como a de Samil en Vigo. Deste xeito, ao longo da proba as e os deportistas participantes percorreron 21 quilómetros en carreira a pé á beira do Miño, realizaron unha travesía a nado de 1.200 metros entre o paseo marítimo do Grove a a Illa da Toxa, o trail pola Cañiza nun percorrido de 15 quilómetros, a BTT de 35 quilómetro por Cerdedo-Cotobade así como o tríatlon na modalidade sprint que tivo lugar esta mañá en Vigo, na praia de Samil, e deu por finalizado o “Depo Desafío 2018”.

Anuncios