“Baco”, o papagaio gris de cola vermella ou yaco que se perdeu o pasado fin de semana na zona de Media Aldea, en Belesar-Baiona, xa está de volta en casa. Apareceu este venres a 100 metros da vivenda. Desde que o seu propietario, Breixo Pérez, contase o ocorrido a través de Facebook, as redes sociais mobilizáronse para tentar localizalo. “Nunca tivera mascota, nunca entendía esa xente que se volvía tola polos seus cans, gatos, e demais mascotas. Nunca, ata que coñecín a Baco”, dicía.
“Baco é máis que un paxaro -continuaba Breixo-. Baco significa moito para min. Todos os que me coñecen saben o moito que dei por saco mesmo antes de que Baco chegase a casa. A cara que se me pon cando falo del, cando ensino as súas fotos e vídeos. Faime rir, enfadarme, poñerme tenro, poñerme en modo pai protector. Gardo as súas plumas un pouco por dióxenes, e un pouco porque é como a roupa que queda pequena ao teu fillo e a gardas coma se fose ouro”.
O propietario daba as grazas tamén “polas máis de 450 veces que compartistes a foto de Baco desde o meu perfil, e desde Instagram. Supoño que en total serán moitísimas máis desde os demais perfís, grupos e asociacións que axudaron a difundir a noticia. Grazas a todos”.
“Grazas a toda a xente que se preocupou por como estaba, por se aparecera, por se podían facer algo por axudar. Grazas aos veciños, amigos, familia e xente descoñecida que dá o seu apoio. Ánimos desde Canadá, Arxentina, Francia, Bélxica, Inglaterra e partes de España onde nin pisei un pé e chegou a noticia. E en especial grazas á miña nai por buscar a Baco coma se eu mesmo perdéseme. Quéroche moito. O mellor agasallo é que aparezas, # vuelveBaco”, concluía a mensaxe.


