
A Asociación de Saúde Mental “Avelaíña” achegouse ao IES Val Miñor de Nigrán para promocionar e concienciar entre os alumnos de 1º de Bacharelato da importancia de condutas favorecedoras á saúde mental, dentro do programa “Educación inclusiva, saúde mental positiva” de FEAFES Galicia, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro.
Os mozos e mozas participaron nun xogo deseñado para que aprendan a recoñecer e implantar condutas que beneficien a súa saúde mental. Consta dun taboleiro cunha zona verde e outra vermella. Facilítaselle aos mozos e mozas, en grupos de 4-8 persoas, unha serie de cartas nas que se describen condutas habituais na súa idade. Os participantes deben analizalas e determinar se son favorables (zona verde) ou desfavorables (zona vermella) para a súa saúde mental, relacionando cada unha delas coa súa contraria.
Esta actividade complementarase coa entrega dun agasallo a aqueles rapaces e rapazas que logran completar o xogo, así como folletos informativos dirixidos tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias.
Campaña #MocidadeSaudable
Durante o mes de outubro, numerosas asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia sairán á rúa e achegaranse aos centros educativos para informar e sensibilizar sobre esta realidade, así como trasladar aos poderes políticos, axentes sociais, medios de comunicación, profesionais de diversos ámbitos e á cidadanía en xeral, as reivindicacións e necesidades do colectivo.
Farano a través da campaña #MocidadeSaudable impulsada por Saúde Mental FEAFES Galicia, que leva por lema “Educación inclusiva, saúde mental positiva”. O seu obxectivo é fomentar a participación da mocidade e a cidadanía na reflexión sobre os problemas de saúde mental, informar e sensibilizar sobre condutas favorables ou desfavorables para a saúde mental e incidir na importancia da prevención destes problemas na etapa moza.
Estas accións terán lugar en máis de 25 localidades da comunidade autónoma e serán impulsadas por 11 asociacións que forman parte de Saúde Mental FEAFES Galicia.
Día Mundial da Saúde Mental
O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que tivo lugar por primeira vez en 1992. Foi unha data elixida pola Federación Mundial da Saúde Mental para chamar a atención sobre a importancia desta realidade e, desde entón, a Organización Mundial da Saúde (OMS) apoia esta iniciativa e únese cada ano á súa conmemoración.
Segundo a OMS, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. En Galicia, hai máis de 55.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, cifra que aumenta considerablemente se engadimos aquelas persoas sen certificado ou as que non están diagnosticadas. Polo tanto, estamos a falar dunha problemática cunha amplísima repercusión, que afecta e condiciona a vida destas persoas en todos os seus ámbitos: nas aulas, no traballo, nas relacións personais, na participación social, etc.
O tema elixido a nivel mundial para o Día Mundial da Saúde Mental 2018 é saúde mental e mocidade, considerando que se trata dun asunto de gran relevancia de cara á prevención, á pronta abordaxe destas situacións e á sensibilización acerca da saúde mental.