O Club Ciclista Rías Baixas non atopou recompensa na meta de Legazpi

FOTO: TXIRRINDULARIAK

Na sétima e antepenúltima proba puntuable da Copa de España, o Club Ciclista Rías Baixas tentou sorprender aos favoritos desde lonxe e no tramo final. Ivan Venter participou na escapada que liderou a Santikutz Klasika na primeira metade do percorrido e Jesús Nanclares probouno a falta de 15 quilómetros. Os representantes da entidade presidida por José Luis Chamorro non atoparon a recompensa buscada na meta de Legazpi, pero unha xornada máis volveron ser fieis ao seu estilo nunha carreira do máximo nivel.

Os primeiros 45 quilómetros dos 151 desta clásica guipuscoana cubríronse nunha hora. No medio dese ritmo frenético, dez corredores marcháronse por diante á altura do km 25. Ivan Venter filtrouse nesa fuga. O surafricano, que nesta cita debutou na Copa de España, compartiu grupo con Jesús Arozamena (Aldro Team), Leonel Sousa (Super Froiz), José Antonio García (Gomur-Liébana), Altuna (Eulen), Asier Arana (Quick Step-Telco’m), Mario González (Lankidego), Mikel Arregi (Eibar) e Mujika e Xabier Murgiondo (ambos de AMPO).

A súa máxima vantaxe alcanzou os dous minutos e medio. Unha renda que o pelotón foi limando aos poucos ata neutralizalos antes de penetrarse na parte máis dura da carreira, coa novidade este ano do muro do ‘Kirtenberg’, unha parede de 900 metros cun desnivel medio do 12% e ramplas do 21%.

Unha vez superado ese muro, o grupo principal quedou reducido a unhas 40 unidades. Nanclares estaba cos máis fortes e xogouse a carta de atacar a falta de 15 para o final xunto ao seu excompañeiro na formación miñorana Cristian Mota (Aldro). Lograron abrir un pequeno oco de 15 segundos, insuficientes para manterse na cabeza na subida a Descarga, o último porto antes da meta de Legazpi.

Sergio Samitier (Lizarte) fíxose co triunfo nun sprint de once corredores. A 2:26 do gañador entrou Nanclares no posto 49 e a 4:12 fixérono Diego González e Rodrigo Enríquez, 63º e 64º respectivamente. Pola súa banda, Iván Venter finalizou a 4:46 ocupando a 74º posición. Tamén completaron a carreira Jaime Guzmán (97º), Diego Tirilonte (106º) e Raúl González (119º). Por equipos, ao Club Ciclista Rías Baixas correspondeulle a 17ª praza.

A próxima cita, penúltima proba xa da Copa de España, será a II Clásica Xavier Tondo, o vindeiro domingo, 7 de maio, en Valls (Tarragona).

Anuncios