Segunda xornada de eliminación de eucaliptos do voluntario medioambiental de Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Vista desde a Serra do Galiñeiro.

O Concello de Gondomar, por medio da Concellería de Medio Ambiente, organiza este sábado a segunda xornada de eliminación de eucaliptos do voluntariado medioambiental, ás 10:30 horas na área de lecer do Galiñeiro ás ordes da Comunidade de Montes de Vincios. Antes, ás 10:00, o punto de encontro será na sede da Policía Local.

“Somos pioneiros no país en saír ao monte a eliminar eucaliptos alí onde son praga, e sempre, da man dos propietarios dos montes, neste caso dos montes Veciñais en Man Común. A primeira arrincada de eucaliptos foi hai meses nos montes da CCMM de Couso, e este sábado estamos convocados aos montes da CCMM de Vincios, en plena Serra do Galiñeiro, que por se fosen poucas as ameazas que ten enriba, agora e despois dos lumes do ano pasado, está inundado por millóns de eucaliptos”, sinala Antonio Araújo.

“A conciencia medio ambiental vai medrando pouco a pouco da man de iniciativas coma esta e grazas a multitude de accións levadas a cabo por unha manchea de organizacións sociais de todo tipo e persoas particulares. Isto é sen dúbida unha boa nova, que ademais está prendendo na mocidade e nos máis novos. Sen dúbida, a xornada será un éxito e convido a todos os veciños de Gondomar a participar e anotarse no Voluntariado”, conclúe o concelleiro de Medio Ambiente.