As “poxas” de San Miguel recadan preto de 2.000 euros en Peitieiros

A parroquia gondomareña de Peitieiros celebrou este sábado o día grande das súas festas patronais na honra de San Miguel. Ás 10:00 da mañá a Banda de Música Unión Musical de Guláns ofreceu un pasarrúas polo centro de Gondomar, e a continuación, subiu ao barrio do Piñeiro para acompañar ao tractor de San Miguel, nesta ocasión un tractor clásico, cargado con produtos do campo e animais con destino ao recinto parroquial de Peitieiros. Ás 12:30 horas comezou a Misa Solemne con sermón seguida de procesión acompañada pola mesma Banda de Música, que ofreceu a continuación un concerto.

Xa pola tarde, pasadas as 17:00 horas, comezaron as tradicionais “poxas” de San Miguel, que reuniron a máis de 600 persoas no recinto parroquial de Peitieiros. Carlos Riveiro, coñecido por Carlos de Gondomar, foi o encargado das poxas, as máis grandes de toda Galicia. Durante preto de catro horas e media, puidéronse adquirir plantas por entre 15, 20 e 35 euros, destacando unha Alocasia, pola que se ofreceron 136 euros, unha caixa de millo por 15 euros, galos por entre 20 e 60 euros, un saco de patacas de entre 25 e 30 quilos por 30 euros, uvas brancas e tintas por 20 euros, unha pel de cobra por 30 euros, dous quicos por 40 euros ou un cabrito por 110 euros. En total, recadáronse preto de 2.000 euros.

Tras a verbena nocturna amenizada polas orquestras Pontevedra e Ledicia Espectáculo, o domingo os festexos chegarán ao seu fin cun pasarrúas pola parroquia da charanga Vai de Baile e a actuación das orquestras París de Noia e Combo Dominicano.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.