O PP denuncia que a estación de bombeo de A Torre en Chaín segue vertendo ao río

A presidenta do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, volve a poñer de manifesto a ineficacia das actuacións desenvolvidas na estación de bombeo de A Torre en Chaín, xa que despois de cinco meses dende que remataron as mesmas segue vertendo ó río. «Polo daquela o alcalde Paco Ferreira anunciou a bombo e platillo o fin das verteduras ao río da estación de bombeo de augas residuais de A Torre en Chaín», afirma a presidenta popular.

Cabe recordar que en abril deste ano, o alcalde anunciou que «o Concello de Gondomar viña de poñer en marcha un sistema de xestión intelixente, eficiencia e aforro enerxético en tres das seis Estacións de Bombeo de Augas Residuais do municipio, as que presentaban un maior número de incidencias, financiado a través do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra». Tamén dicía que «grazas á implantación do novo sistema conseguirase un Aforro Enerxético no funcionamento diario de tres Estacións de Bombeo de Augas Residuais, e a incorporación dun Sistema de Xestión Intelixente para o seguimento dos mesmos, que procure as ferramentas necesarias aos servizos de mantemento para a realización dos labores de Mantemento Correctivo nun prazo de tempo máis reducido e os labores de Mantemento Preventivo que reduzan as posibles avarías». Pero polo que se pode apreciar este investimento non é a solución definitiva ao problema desta estación de bombeo.

Dende fai uns días os veciños quéixanse que a estación leva avariada dende fai mais dunha semana, e coas altas temperaturas o cheiro resulta insoportable. Tamén recorda que no ano 2013 o que agora é concelleiro de medio ambiente, Antonio Arauxo, que daquela estaba na oposición, denunciaba nos medios de comunicación que a solución era expropiar os terreos para evitar o bombeo nesa zona, e que por mor da incapacidade política do goberno municipal anterior (daquela de Carlos Silva), non foi quen expropiar. «Antonio Araúxo tamén ten parte de responsabilidade neste senso, xa que el é o concelleiro de medio ambiente. Si tan fácil é a solución, porque non a afrontou nos máis de tres anos que leva no goberno?», lle pregunta Paula Bouzós.

Pero esta non é a única queixa dos veciños deste barrio da parroquia de Chaín, aínda están á espera da prometida marquesiña que o alcalde se comprometeu a colocar neste barrio para que os cativos que van ao colexio se poidan resgardar das choivas. «Xa comezou outro curso e seguimos sen a marquesiña, e as choivas non tardarán en vir», se queixaban os veciños.

Outra das súas reivindicacións que fan, é a sinalización do acceso á Torre dende a estrada provincial e a través do barrio gondomareño de Toucido, evitando ter que dar una rodeo de varios quilómetros ás persoas que descoñecen este acceso.

Por outra banda agradecen que despois da denuncia feita polo Partido Popular de Gondomar nos medios de comunicación en marzo deste ano, o concello accedese a colocar a varanda na ponte que cruza ó río a carón da estación de bombeo.

«Unha vez máis vimos comprobar o esquecemento absoluto ó que están condenadas as parroquias por parte do goberno deste concello», conclúe a presidenta do PP.