
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe a adxudicación das obras de mellora das estradas provinciais EP-2203 e EP-2202 que pasan pola parroquia de Baredo, no concello de Baiona, coincidindo co Camiño da Costa a Santiago. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, explica que as obras, das que se fará cargo a construtora Narom SL, comezarán no mes de novembro e terán tres meses de prazo de execución.
Segundo apunta Benítez, a adxudicataria foi seleccionada entre as 15 propostas presentadas polas súas ofertas técnica e económica. Agora terá que presentar a documentación definitiva, asinar formalmente o contrato, e realizar o replantexamento das obras, que consisten na construción dunha nova senda dun quilómetro de lonxitude e 2,5 metros de largo, dun miradoiro no lugar de Monte Alto –que se acondicionará con mobiliario urbano para poder contemplar a baía e a cara sur das Cíes-, así como dunha actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible, limitando a velocidade dos coches a 30 quilómetros hora con redutores físicos de velocidade de vehículos para calmar o tráfico de xeito efectivo.
Os traballos comezarán co movemento de terras na ladeira, xa que se ampliará a sección da vía para incorporar a nova senda. Dado que hai moita rocha na zona prevese que esta parte do proxecto sexa a máis complexa. O investimento final, financiado ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello segundo o convenio asinado, será de 297.304,85 euros.
O deputado Benítez manifestou hoxe a súa satisfacción pola saída adiante deste proxecto logo dos varios atrancos que sufriu, entre outros, co departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia, que non permitía que a senda tivese un largo de 2,5 metros. A Deputación de Pontevedra, lembrou o nacionalista, defendeu en todo momento a necesidade destas dimensións por cuestións de accesibilidade e mobilidade amable, xa que a zona é moi transitada pola veciñanza (nas inmediacións ademais hai un campo de fútbol) e por grupos de persoas peregrinas que ata o de agora tiñan que transitar pola propia calzada, xa que a estrada carecía de beiravías.
“Na Deputación traballamos por mellorar estradas provinciais tendo en conta criterios de prioridade para as persoas. Nesta zona hai ademais un espazo natural magnífico e espectacular, un valor paisaxístico e turístico moi atractivo, por iso vaise impulsar non só a senda, senón todo o que hai arredor”, dixo.