Gondomar pon en marcha un programa para mellorar a empregabilidade das mulleres do concello

A Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, pon en marcha o programa “Mellora da empregabilidade das mulleres do concello” dirixido ás mulleres desempregadas, co fin de mellorar as súas espectativas laborais.

A Concellería considera fundamental traballar a prol dunha información e orientación laboral con criterios non sexistas, que proporcione ás participantes ferramentas para poder reflexionar sobre as capacidades persoais. Ao mesmo tempo, cómpre motivalas e orientalas profesionalmente cara sectores e profesións nas que están infrarrepresentadas, proporcionarlles información sobre as demandas e recursos da zona e insistir sobre a importancia de acadar un nivel académico básico para as que non o teñan.

O programa enmárcase na liña Proxectos encamiñados a mellorar a formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres, relativo ás subvencións dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, ano 2018 da Deputación de Pontevedra.

O obxectivo é mellorar as condicións de empregabilidade das mulleres da localidade que se atopan en situación de especial vulnerabilidade e que contan con especiais dificultades de inserción laboral, facilitándolles recursos que posibiliten e/ou melloren a súa inserción sociolaboral.

As mulleres que estean interesadas en participar no programa deben poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (Casa da Cultura) mércores, xoves e venres en horario de mañá.