Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil detén a un veciño de Baiona por malos tratos e abandono de animais domésticos

A Garda Civil detivo ao propietario dunha pequena explotación gandeira de Baiona acusado dun delito contra a flora, fauna e animais domésticos, por malos tratos e abandono de animais.

No marco das distintas actuacións que veñen desenvolvendo para a detección e control de actividades e condutas ilícitas relacionadas co benestar animal, os efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, en colaboración coa patrulla do Seprona de Vigo, puideron localizar unha pequena explotación gandeira na parroquia de Belesar, nunhas condicións hixiénico-sanitarias bastante deplorables.

Auxiliados tecnicamente polos facultativos dos Servizos Veterinarios de Sanidade Animal da Xunta de Galicia, a Garda Civil levou a cabo unha inspección desta pequena explotación gandeira e no seu interior localizaron un cachorro de can con varias feridas graves que lle causarían a morte, un tenreiro con lesións cutáneas en todo o corpo e unha ferida sanguenta na base dun dos cornos, ademais dun cabalo que presentaba unha extrema delgadez por evidente falta de atención e coidados.

En todos estes casos o propietario non puido acreditar que os animais recibisen a adecuada atención veterinaria.

Dentro do mesma orde de actuacións tamén se puido determinar que, días antes á inspección, esta mesma persoa abandonara catro cans que tiña nunha edificación da leira en condicións hixiénico-sanitarias non adecuadas.

En consecuencia, onte procedeuse á detención do propietario desta explotación gandeira como presunto autor de senllos delitos de malos tratos e abandono de animais.

Ao mesmo tempo, formuláronse varias de denuncias por distintas infraccións administrativas á normativa sobre animais domésticos, relacionadas principalmente co benestar animal, a falta de idoneidade dos aloxamentos, falta de alimentación e auga, hixiene animal, falta de asistencia veterinaria e rexistros documentais e sanitarios, entre outros.

2018-09-27 - 20180925-MALTRATO ANIMAL

Anuncios