Anuncios
Ticker de novas

Os veciños de Vincios manteñen a súa oposición ao proxecto de mellora da PO-331

Compoñentes da comisión de seguimento do proxecto de mellora da PO-331.

Despois do incendio que devastou o monte de Vincios hai un ano, da volta da ameaza do proxecto eólico no Galiñeiro e os proxectos de aproveitamento de recursos mineiros que seguen planeando sobre a parroquia de Vincios, hai outro elemento máis que ameaza a habitabilidade na parroquia gondomareña. Trátase do Proxecto de Mellora da seguridade viaria na contorna dos tramos de concentración de accidentes na estrada PO-331 desde o P.K. 11.200 a P.K. 14.600, é dicir, o tramo que transcorre polo centro da parroquia, que se enmarca dentro do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020.

“Os veciños de Vincios non estamos de acordo coas actuacións previstas para este tramo de estrada, xa que a pesares de que o obxectivo do plan é reducir o perigo e o número de accidentes, coas medidas propostas conséguese o efecto contrario. Así, tal e como expuxemos nas alegacións presentadas ante a Axencia Galega de Infraestruturas estas medidas propostas xerarán un aumento considerable da densidade de tráfico, ao obrigar aos vehículos a incrementar os itinerarios para desprazarse dentro da parroquia, concentrando o tráfico nos puntos onde se permite o cambio de sentido, en concreto na glorieta prevista preto do cruce de Santa Lucía, redúcese a habitabilidade, a accesibilidade nas interseccións e increméntanse as restricións xa existentes nos accesos aos negocios locais, e non se pon o foco de atención en medidas de redución da velocidade, que é a causa principal dos accidentes”, sinalan desde a comisión de seguimento do proxecto.

En definitiva, o plan encaixona aos veciños, xa que impón unhas restricións que non se ven en outros tramos desta mesma estrada ao seu paso por outras poboacións (Zamáns ou Porriño).

A comisión de seguimento deste proxecto, que está formada por veciños e representantes de entidades parroquiais, na súa última reunión acordou unha serie de pasos a seguir. O primeiro deles era a presentación de alegacións ao proxecto, a continuación solicitarase unha reunión a todos os grupos políticos con representación no concello de Gondomar para explicarlles a súa postura e solicitar o seu apoio e, por último, levar a cabo unha asemblea veciñal, prevista para o 21 de outubro, para decidir que tipo de medidas de presión se poden levar a cabo no caso de que non se atendan as peticións recollidas nas alegacións.

Anuncios