Anuncios
Ticker de novas

O BNG denuncia a existencia dunha cámara de vixilancia na sala de reunións do Centro Neural

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Reunión sobre o problema do transporte.

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar denuncia a existencia dunha cámara de vixilancia na sala de reunións do Centro Neural de Gondomar e solicita explicacións ao goberno pola súa colocación. Esta información xa fora solicitada con anterioridade pola responsable local do BNG, a través do rexistro xeral do concello, e non se obtivo resposta. Con data de hoxe solicitárona de novo.

Na solicitude pregúntanse as razóns polas que se instalou esa cámara nun local público de uso público e tamén se solicita información sobre quen, onde e en que momento se tomou o acordo de instalala, e se existen outras cámaras similares noutras dependencias municipais. O BNG considera que se debe explicar por que se instala unha cámara de vixilancia nesa sala do Centro Neural na que, ademais de cursos de formación e actos do propio concello, tamén se realizan, previa solicitude, asembleas, charlas e actos públicos de organizacións sociais e políticas.

“As persoas que utilizamos ese ben municipal temos dereito a saber que uso se lle dá a ese sistema de vixilancia e por que non existe no local ningunha indicación da súa existencia nin da normativa legal que regula o seu uso”, apunta Manuela Rodríguez.

CÁMARA DE VIXILANCIA CENTRO NEURAL

FOTO: BNG GONDOMAR // A cámara de vilixancia instalada na sala de reunións do Centro Neural.

Anuncios