Anuncios
Ticker de novas

Angulo mete a quinta para o Club Ciclista Rías Baixas en Sanxenxo

En Sanxenxo, no corazón das Rías Baixas, Antonio “Chava” Angulo prolongou o idilio do seu equipo coa Volta a Galicia. O cántabro luciu no máis alto do podio a camisola da estrutura que preside José Luis Chamorro tras impoñerse ao sprint nun grupo de 21 unidades. Foi o quinto triunfo da tempada para o corredor de El Llano, que dá continuidade ao exitoso refacho da formación miñorana na súa carreira fetiche: vitoria na xeral en 2016, de etapa en 2017 e novo triunfo parcial en 2018.

A segunda xornada da XVII Volta a Galicia estaba considerada como a etapa reina. Os 148 quilómetros con inicio e final en Sanxenxo presentaban tres altos de montaña, o de Carracedo (km 62, 3ª), O Busto (km 103, 2ª) e A Escusa (km 122, 1ª).

Ás ramplas da última subida, a única de 1ª categoría nesta rolda, o pelotón chegou composto por 60 corredores e o Club Ciclista Rías Baixas esnaquizouno por completo co ataque de Carlos Cobos. O estremeño marchouse liderando un quinteto e na cima Angulo contactou cos de cabeza.

“Despois uníusenos un grupo no que ían dous ciclistas do Lizarte e tentamos colaborar para abrir oco porque só había un Froiz. A uns 20 quilómetros de meta arrancou De Mateos e decidín probar sorte con el para ver se podiamos recuperar tempo na xeral”, sinalou Angulo, que foi neutralizado a 4 km de meta xunto ao corredor do Padronés e a Aliaksandr Piaterski (Kuota).

Na preparación do sprint “Chava” contou coa axuda de Cobos: “Fixo un traballo moi bo, controlando o grupo para que non atacase ninguén”. Angulo rematou a estratexia da escuadra dirixida por Iván Rodríguez no paseo da praia de Silgar. Levantou os brazos por diante de De Mateos e de Sergio Veiga (Froiz), novo líder da xeral. Cobos entrou no posto 21 pechando o grupo do gañador.

A vitoria de Angulo é a quinta da tempada. Anteriormente adxudicouse etapas nas voltas de Coruña, Alacante e Santander, e o GP San Gregorio. “Tiven boas sensacións durante toda a xornada e a ver se estes días seguen indo as pernas como hoxe e podemos optar a máis”, indicou “Chava”, que na xeral ascende á 19º posición, igualado a tempo co seu compañeiro Cobos, a 35 segundos de líder.

Este sábado a 3ª etapa con saída e final na localidade coruñesa de Boiro consta de 150 quilómetros nos que se ascenderán o porto de O Confurco (2ª categoría) en dúas ocasións (kms 53 e 132) e o de Moimenta (km 121, de 3ª).

Anuncios