Anuncios
Ticker de novas

Nigrán inicia un novo plan de asfaltado en 14 rúas de todo o municipio

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Instalación de novos colectores en rúa Porqueira.

O Concello de Nigrán vén de renovar o sistema de saneamento e abastecemento da rúa Porqueira e Praza Mestra Manuela (Panxón) como paso previo a asfaltar esa rúa e outras trece de todo o municipio por importe de máis de 100.000 €. O Concello de Nigrán mudou os 470 metros de tubaxes ante os constantes problemas de roturas e fugas (unha media de 40 cada ano) e instalou 39 acometidas a vivendas. As obras foron realizadas por operarios municipais e de Aqualia agás a contratación por parte do Concello da apertura de gabias por importe de 7.000 €.

“Non tiña sentido asfaltar sen emprender antes esa obra, é unha rúa situada nun barrio con alta concentración de vivendas e os colectores estaban en pésimo estado de conservación”, indica o alcalde, Juan González.

O asfaltado de A Porqueira e Mestra Manuela forma parte dun plan de asfaltados adxudicado a COVSA e que supón a renovación do firme en 14 rúas de todo o municipio por importe de 108.900 € ao cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. En total, trátase de máis de 15.000 metros cadrados de superficie que se atopa actualmente en pésimo estado ou que, no caso de Camiño das Barxas (Panxón) e do Foro (Tarela) non teñen pavimento algún. O prazo de execución é de dous meses e en moitas destas rúas os traballos xa arrancaron esta semana (como o caso de Camiño das Barxas).

“Trátanse todas elas de rúas en moi malas condicións, situadas en barrios moi habitados e que, consecuentemente, son transitadas diariamente por centos de veciños, por iso se lles deu prioridade. Somos conscientes de que hai máis rúas en mal estado e tamén chegaremos a elas”, resume o alcalde, Juan González.

O plan comprende a parroquia de San Pedro (Camiño dos Concellos en Vilariño, do Viso, e Camiño da Cabreira), Panxón (rúa da Porqueira, rúa do Arco Visigótico, Camiño do Cocho, rúa As Barrocas, Camiño do Estripeiro, rúa dos Loureiros), Chandebrito (rúa Chandebrito), Camos (rúa Rotea) e Priegue (rúa Regueiriños). A maiores, pavimentarase o Camiño do Foro na Tarela (Nigrán) e o Camiño das Barxas en Sancho (Panxón), ambos os dous sen firme algún.

Nos últimos tres anos o goberno levou adiante máis dunha vintena de asfaltados en todas as parroquias do municipio por importe de máis de 275.000 €, aos que agora hai que sumar estes 108.000 €.

Anuncios