Anuncios
Ticker de novas

Curso de operario de industrias alimentarias dirixido á mocidade en Gondomar

A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, na procura de ofertar á mocidade formación en ámbitos profesionais variados, con demanda laboral e de interese para eles, propón un curso de operario/a de industrias alimentarias. A industria alimentaria ten gran presenza na nosa contorna e formar á mocidade neste ámbito pódelles abrir portas de cara á súa inserción laboral.

No curso adquirirán os coñecementos necesarios para participar na condución e control dos procesos de recepción, transformación, elaboración, envasado e almacenamento de produtos alimentarios. O curso consta de 110 horas de formación repartidas en 50 horas de teoría, 50 de prácticas en empresas e 10 dun obradoiro práctico de orientación laboral onde se lles amosará como deben adaptar o seu currículo aos postos do sector da industria alimentaria.

O prazo de inscrición do curso vai do 21 de setembro ata o 5 de outubro. Dirixido con preferencia á mocidade de 18 a 45 anos, desempregada e do Concello de Gondomar. Para formalizar a inscrición hai que cubrir os anexos dispoñibles na paxina web Concello de Gondomar ou na OMIX e entregalos no rexistro do Concello durante ese período de inscrición. Para máis información chamar ao 986 369 746.

Anuncios