Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas quere prolongar o seu idilio coa Volta a Galicia

Desde este xoves o Club Ciclista Rías Baixas busca o seu terceiro ano consecutivo de alegrías na Volta a Galicia. A estrutura impulsada por José Luis Chamorro adxudicouse en 2016 a clasificación xeral, a pasada campaña logrou o seu primeiro triunfo de etapa na rolda autonómica e esta vez comparece na liña de saída de Verín cun bloque reforzado que aspira a todo. Antonio “Chava” Angulo será o indiscutible xefe de filas dos miñoranos.

O corredor cántabro preséntase na última gran cita da tempada Elite e Sub23 co aval dos dous triunfos rubricados durante este mes de setembro na súa terra. Angulo apuntouse a cronoescalada inicial da Volta a Cantabria, terminando segundo na xeral, e días despois levantou os brazos no GP San Gregorio.

Gañador en maio da primeira etapa da Volta á Provincia da Coruña, “Chava” regresa a Galicia cun novo compañeiro ao seu lado. O estremeño Carlos Cobos estrearase coas cores do Club Ciclista Rías Baixas. Tras disputar como “stagiare” a recente Volta a Portugal co Liberty Seguros – Carglass, o terceiro clasificado no último Campionato de España de contrarreloxo Elite defenderá os intereses da formación do Val Miñor.

Francesc Zurita, Óscar Justo, Antonio Barbero, Cristian Cuervo e Jaume Bonnin son os outros integrantes da aliñación confeccionada por Iván Rodríguez. A primeira proba de lume para o “sete” do conxunto do Val Miñor chegará na apertura da Volta cunha contrarreloxo por equipos de 10 quilómetros en Verín.

As etapas en liña da 17ª edición desta rolda arrancarán e concluirán en Sanxenxo, Boiro e Monforte. Tres xornadas de media montaña sen ningún final no alto.

Anuncios