Gondomar dá por concluída a fase de legalización do mercado dos sábados

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O caos administrativo, legal, e tributario, no que estivo instalado durante décadas o mercado semanal da vila de Gondomar, acabou. Postos non declarados, ausencia de documentación administrativa; tributación caprichosa, intermitente ou ausente; situación aleatoria dos postos, etc, formaban parte do cotiá.

“Dentro do proceso de reconversión do mercado semanal, que incluía o cambio dos luns cara aos sábados, un dos obxectivos fundamentais era situar na legalidade, na igualdade de oportunidades e na seguridade xurídica a todos e cada un dos seus vendedores”, recorda Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Comercio e Turismo.

O mercado que empezou a funcionar en nova data o primeiro sábado de maio de 2017 duplicou o número de postos. Na actualidade hai 59 postos ocupados, pero o máis importante para o concelleiro é que absolutamente todos teñen a documentación en regra. “Por tanto damos por rematado o proceso de legalización, do que estamos francamente satisfeitos”.

“Tamén a legalización, seguridade xurídica e a igualdade diante da lei era o noso obxectivo para a Praza de Abastos; un gran motor do comercio local, que sempre quixemos potenciar.” Co proceso de adxudicación que a Concellería de Comercio puxo en marcha e que foi publicado no BOP o 25 de abril de 2017 tería dado legalidade a todos os actuais praceiros e aos novos solicitantes.

“Infelizmente o concurso foi “Processus Interruptus” no último día, e a día de hoxe, a situación legal dos praceiros segue no limbo da legalidade. Tal como fixemos co mercado dos sábados, temos a intención de dotar de máxima legalidade a todos os praceiros e adxudicar os vacantes dentro da máis estrita legalidade”, conclúe Araúxo.

Anuncios