Anuncios
Ticker de novas

Así será a reurbanización da praza Antonio Taboada Tabanera e o acceso á igrexa de Belesar

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar un novo investimento ao municipio de Baiona no marco do vixente Plan Concellos. Trátase dunha partida económica de 168.995,46 euros para a reurbanización e acondicionamento do acceso á igrexa de San Lourenzo de Belesar e da praza Antonio Taboada Tabanera tamén en Belesar.

Máis polo miúdo, trátase de traballos para mellorar os accesos á igrexa de San Lourenzo de Belesar, así como a ordenación da praza Antonio Taboada Tabanera, co obxectivo de potenciar o acceso peonil. Con este fin, vaise substituír a actual escalinata de baixada ao adro por unha costa e a pavimentación dos camiños do núcleo rural tradicional da igrexa, enlazando o adro coa plataforma do palco da música onde se celebran as festas.

A pavimentación farase con laxa de granito de 6 centímetros de espesor para as zonas de tráfico peonil e de 12 centímetros para as zonas de tráfico combinado, así como pavimento de lastra de granito de 8×8 para adaptarse ás zonas máis estreitas do rueiro do núcleo tradicional no acceso á igrexa e asfalto nos viarios de conexión cos existentes. O proxecto contempla tamén a supresión dos elementos que distorsionan as perspectivas visuais do núcleo histórico tradicional co soterramento e desmonte de todas as instalacións aéreas existentes na zona.

O obxectivo destas actuacións é mellorar a conexión peonil entre o adro da igrexa e a praza onde está o palco das verbenas, recuperando así o trazado dun camiño tradicional, e mellorar as infraestruturas e redes de subministración e abastecemento.

Con este novo investimento, o concello de Baiona xa ten aprobados máis de 417.000 euros, en concreto 417.232,46 euros, co vixente Plan da Deputación de Pontevedra que este ano destina á vila do Val Miñor un total de 1.582.966 euros.

Anuncios