I Concentración de Autocaravanas en Gondomar

Gondomar celebra este fin de semana a I Concentración de Autocaravanas, promovida pola Concellería de Comercio e Turismo coa colaboración da Asociación Galega de Autocaravanas, formada por máis de 650 socios que utilizan os seus vehículos case todos os fins de semana do ano. Será os días 14, 15 e 16 de setembro, nas inmediacións da Xefatura da Policía Local, na zona denominada As Cercas.

Dous son os obxectivos fundamentais, segundo sinala Xosé Antón Araúxo. En primeiro lugar dar vida a un proxecto que quere fortalecer o comercio local, procurando clientes externos aos límites do concello, e o segundo, comparte o mesmo fin, pero centrándose na divulgación, visibilización e proxección da área xeografía da vila na que predomina a paisaxe, a a arte prehistórica, os pazos, as festas ou os cabalos salvaxes. “Se facemos de Gondomar un lugar que esperte a curiosidade turística, teremos máis visitantes e máis consumidores locais”.

“A Concellería de Comercio e Turismo, quere aproveitar o tirón espectacular que están a experimentar as autocaravanas, para fixar no noso concello un parking que enraice esta actividade no corazón do noso concello e xere novas interaccións económicas co comercio local”, engade Araúxo.

Desde 2013, as vendas destes tipo de automóbiles (autocaravanas) incrementáronse un 352%. Pasouse de vender 1.293 unidades a comercializar 5.782, en 2017. Se prevé que en 2018 as cifras sigan crecendo. Sen ir máis lonxe, en xullo deste ano matriculáronse 528 autocaravanas novas e 243 xa usadas no estranxeiro, pero de nova matrícula en España. Non son un tipo de vehículo barato, senón que responden a un modo de vida. Pódense adquirir desde 30.000 euros. Como é lóxico, a maior gama, maior prezo e comodidade, chegando a 300.000 e 600.000 nos modelos mais luxosos.

300.000 autocaravanas circulan por España cada ano. A unha media de tres ocupantes, a suma total roza o millón de persoas. Son individuos de clase media ou media/alta, coa cama cuberta, polo que destinan máis diñeiro en tendas, lecer, restaurantes… Calcúlase que en Europa existe un parque móbil de dous millóns de autocaravanas. Alemaña lidera o ránking con preto de 600.000 vehículos, seguido de Francia (300.000) e Gran Bretaña (50.000). Por detrás, España, con 45.000 destes automóbiles. Tan só en agosto circularon pola Península Ibérica 150.000 autocaravanas.

“Máis de 50.000 autocaravanas de Francia, Alemaña e Gran Bretaña pasan os meses de decembro, xaneiro e febreiro no Algarve portugués, sendo potenciais turistas que na súa viaxe ao sur da península, poderían pasar por Galicia se realmente se potenciase este tipo de turismo e se dotase de infraestruturas que favorezan a súa pernoitación, tal como promove o Concello de Gondomar. Hai outro dato moi interesante e pouco coñecido, Galicia é a comunidade máis valorada polos autocaravanistas españois para viaxar nas súas vacacións”, conclúe o concelleiro de Comercio e Turismo.