Nigrán Decide advirte dun posible fraude de lei nas contratacións aprobadas no pleno

No pleno extraordinario celebrado este luns, Nigrán Decide opúxose ás modificacións orzamentarias para contratar persoal de forma temporal para levar a cabo a planificación de contratos do ano 2018, que se desenvolverá antes das eleccións municipais, así como para a dotación de persoal para o departamento de tesourería.

Se ben estaban de acordo na contratación dunha persoa para a Biblioteca ou o Departamento de Urbanismo, por tratarse neste caso dun programa verdadeiramente temporal, o goberno pretendía facela conxuntamente coa contratación de persoal para tarefas que teñen que facerse de forma permanente, cun programa temporal de emprego, o que podería supoñer unha contratación en fraude de lei.

“Nigrán Decide fai responsable da realización destas contratacións, posiblemente en fraude de lei, e das consecuencias que poidan ter para o Concello tanto ao PSOE por propoñelas e votalas a favor, ao BNG por votalas a favor, como ao Partido Popular por consentilas coa súa abstención”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “non son poucas as ocasións, tamén no Concello de Nigrán, en que teñen que converterse prazas de carácter temporal en indefinidas por realizar tarefas de carácter permanente. Na realidade, isto supón acceder a un contrato fixo no concello pola porta de atrás”, finaliza Cuevas.

O Departamento de Contratación do Concello de Nigrán conta unicamente cunha persoa adscrita que, na práctica, a finais do ano 2019 deixará de prestar servizos no Concello, polo que podería colapsarse a contratación de todas as obras e servizos que ten que realizar o Concello, sen que, a pesar de ser coñecedor destes feitos desde que empezou este mandato, na actualidade o goberno ofrecese unha alternativa máis alá deste parche para solucionar a realización de contratos antes das eleccións municipais.

Cómpre destacar que no pleno celebrado este luns, o goberno municipal negouse a contestar, a preguntas do voceiro de Nigrán Decide, por dúas veces, quen ía tramitar e xestionar os contratos da planificación dos anos 2019 e 2020.

“O noso grupo municipal, ofreceu unha alternativa ao goberno municipal, para solucionar de forma permanente este grave problema do Concello que é necesario abordar con tempo, pois a contratación de persoal con carácter permanente para o departamento de contratación pode levar máis de un ano”, sinala Cuevas, para continuar indicando que, “ao rexeitar esta alternativa, o goberno municipal de Nigrán puxo de manifesto que non lle importa a solución dos problemas estruturais do Concello senón os seus propios intereses electorais. A alternativa proposta por Nigrán Decide era a creación de forma permanente de dúas prazas, unha de Técnico de Xestión ou similar e un administrativo”, finaliza Cuevas.