Angulo segue coleccionando triunfos para o Club Ciclista Rías Baixas

Antonio “Chava” Angulo reconciliouse definitivamente coa vitoria. O xefe de filas do Club Ciclista Rías Baixas logrou no Gran Premio San Gregorio, en Pando (Cantabria), o seu segundo triunfo en menos dunha semana. Despois de varios meses acumulando podios, pero resistíndoselle o chanzo máis alto do caixón, o ex profesional cántabro da estrutura presidida por José Luis Chamorro recuperou o instinto gañador en plena conta atrás para a Volta a Galicia.

O GP San Gregorio, proba que pertence ao calendario Elite e Sub23 da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), disputouse sobre unha distancia de 116 quilómetros. Angulo formou parte dun grupo de 20 corredores que se presentou no tramo final da carreira cunha vantaxe máis que suficiente sobre o pelotón.

A vitoria estaba entre os fuxidos e o representante da formación do Val Miñor elixiu a subida á Braguía, a 20 km da conclusión, como o punto para dinamitar a escapada. Ao seu ataque responderon Aliaksandr Piaterski (Kuota) e Iñigo Rodríguez (Aldro), e este terceto fixo camiño ata que tivo á vista a pancarta da liña de meta.

No repecho final “Chava” impuxo a súa explosividade e non deu opción aos seus rivais. O ciclista de El Llano levantou os brazos con 3 segundos de marxe sobre Rodríguez e con 5 respecto de Piaterski. Deste xeito, rubricou o seu segundo éxito en menos de 6 días, tras adxudicarse a cronoescalada inicial da Volta a Cantabria, rolda por etapas na que terminou segundo na xeral.

Angulo suma catro triunfos e unha infinidade de postos de honra na súa primeira tempada comandando ao Club Ciclista Rías Baixas. O seu próximo gran obxectivo será a Volta a Galicia, do 20 ao 23 de setembro.

Anuncios