Sin categoría

UCN non apoiará a aprobación de facturas sen consignación orzamentaria por importe de 236.000 €

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, votará en contra no pleno extraordinario que terá lugar este luns ás 12:00 horas, a proposta do goberno local para o recoñecemento extraxudicial de crédito de facturas de gastos realizados sen consignación orzamentaria por importe de 236.076,52 €, e levados a cabo sen control de ningún tipo, así como sen o correspondente expediente administrativo, e facturas sen conformar por parte de técnicos municipais, entre outras irregularidades.

Entre os gastos, UCN destaca 6.200 € da actuación de Pablo Milanés, 7.441,50 € de pavimentación de viarios, 30.100 € de actuacións en Chandebrito, 12.925 € de sistemas contra incendios, 20.291,15 € de mobiliario de salón de pleno e 13.049 € de festexos varios.

UCN lembra que moitos dos gastos agora presentados para o seu recoñecemento e aprobación polo pleno xa eran do coñecemento do goberno antes da aprobación do orzamento de 2018 e que o partido independente apoiou, “pero con todo, tanto o alcalde como a concelleira de Facenda ocultaron á corporación, e non incorporaron os créditos necesarios para atender os gastos xa ocasionados, que por outra banda tería sido o correcto, evitando así prexuízos a terceiros”.

Ademais, UCN denuncia a perda dunha subvención da Xunta por importe de 18.000 €, prevista para financiar o mobiliario para o salón de plenos fornecido a finais do pasado ano e que aínda están sen pagar, tendo agora o Concello que pagar a totalidade do gasto (20.291,15 €) con fondos municipais, “por culpa dunha neglixente xestión do goberno local”.

UCN tampouco comparte o excesivo gasto en honorarios dun avogado contratado polo anterior alcalde do PP, Alberto Valverde, “ao parecer militante do partido, que durante o seu goberno puido facturar máis de 180.000 € en preitos, e que agora pretende tamén cobrar 27.000 € pola defensa xurídica de sete funcionarios municipais (3.872 € cada un), denunciados no marco da Operación Patos e que terminaron arquivándose as dilixencias, polo que resultan totalmente desproporcionados, máxime cando outros funcionarios tamén implicados que acudiron a outros profesionais os seus honorarios de avogado e procurador non superan os 1.200 €”, conclúe o portavoz do partido independente.