Serviocio lamenta as molestias e pide desculpas polo atraso no equipamento

Nun comunicado, o Grupo Serviocio, como concesionario da Piscina Mancomunada do Val Miñor, lamenta as molestias que estea a poder causar o atraso no equipamento do centro deportivo que debía estar o 1 de setembro tras a finalización da obra recollida no prego de contratación. Sinala que o provedor contratado para a subministración deste equipamento non cumpriu os prazos de entrega establecidos e por iso “vímonos obrigados á reapertura na data acordada sen contar co devandito material”.

Aseguran que tras diversas conversacións co provedor, os novos prazos de entrega aos que se compromete son o luns 10 para o material cardiovascular e ciclo e o luns 24 para o equipamento de forza.

Serviocio lembra que ademais de realizar un investimento de 260.000 € de obra e equipamento recollidos no prego, o Grupo está a realizar obras de mellora adicionais ás comprometidas: traballos de pintura, nova rotulación, novo chan de caucho na zona de peso libre, alicatado das paredes dos vestiarios, estores para mellorar a visibilidade na sala de ciclo, novos bancos para os usuarios e cambio de portas deterioradas pola humidade.

Finalmente, reiteran as desculpas, comprometéndose á devolución da parte proporcional da cota do servizo afectado, durante os días de setembro que se está vendo prexudicado, descontando devandito importe da cota de outubro.