UCN defende a celebración das festas populares en Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Verbena en Praia América.

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, defende a celebración das festas populares en Nigrán, “que veñen celebrándose en todas as parroquias do municipio, como mostra e signo de identidade do noso pobo, arraigado en fondas e profundas raíces e que en forma de expresión cultural e relixiosa manteñen vivo ano tras ano un grupo comprometido e desinteresado de veciños, que ao longo do ano traballan con tesón e sen descanso, dedicando moitas horas do seu tempo libre para poder celebrar uns festexos –para goce e desfrute de veciños e visitantes- que son o berce da tradición popular en Galicia, e que non podía ser menos en Nigrán, e ademais, o propio Concello colabora coas comisións veciñais na súa celebración”.

Por tal motivo, UCN quere saír especialmente en defensa da Comisión de Festas de Praia América ante as protestas suscitadas recentemente por un grupo reducido de residentes, “que no seu dereito á liberdade de expresión, manifestan as súas queixas á celebración de tres días de festexos, que desde hai máis de 50 anos veñen celebrándose en honra á Virxe do Carme, como sucede na maioría de pobos mariñeiros de Galicia, e Praia América, é un referente xunto con Panxón, pola súa marcada vocación mariñeira”.

Independentemente, UCN lembra tamén que os citados festexos son sempre autorizados polo Concello, asumindo as súas responsabilidades a comisión organizadora, pero que o alcalde tamén ten a obrigación de velar polo cumprimento da Lei en materia de horarios e ruídos excesivos que no seu caso, puideran producirse.

Fernández Comesaña lamenta que algúns residentes temporais e con vivenda de veraneo na privilexiada contorna de Monte Lourido manifesten as súas queixas polos ruídos producidos como consecuencia das actuacións musicais nas festas, “que son motivo de orgullo, non só de residentes senón tamén de moitos turistas que nos visitan durante a tempada estival e que en certa medida axudan e colaboran na promoción turística do municipio, polo que non só sempre contarán coa axuda e colaboración do Concello, senón tamén, terán o noso recoñecemento e apoio polo seu traballo, esforzo e tesón de veciños comprometidos”, conclúe o portavoz independente.