Anuncios
Ticker de novas

Meritorio sétimo posto de Brais Gómez no Campionato de España de contrarreloxo

Arrancou a participación dos representantes galegos nos Campionatos de España júnior que se celebran en Soria. O baionés Brais Gómez Cima debutou cun meritorio sétimo posto na CRI que abría o programa de competición. Nesta primeira sesión celebráronse as probas contra o crono, nas que todas as categorías participantes tiveron que facer fronte ao mesmo percorrido de 18,7 quilómetros, con inicio e final na capital castelá.

Brais Gómez non puido aproveitar o feito de ser o último ciclista en tomar a saída e tivo que conformarse cunha sétima posición a 1 minuto 03 segundos do gañador, o andaluz Carlos Rodríguez, que fixo bos os prognósticos que o situaban como principal candidato ao título. Iván Cobo (Cantabria) obtivo o subcampionato e o asturiano Pelayo Sánchez completou o medalleiro.

“Hoxe tocou correr o Campionato de España de contrarreloxo, un sétimo posto que en verdade non está nada mal”, comentou o corredor de Baiona. “Toca dar as grazas ao Club Ciclista Rías Baixas por deixarme un avión por bicicleta. Tamén toca darlle as grazas a Luis por deixarme o lenticular e a Modesto Pérez González por deixarme a roda de paus. Moitas grazas a todos os que facedes que poida estar aquí. Agora toca descansar, o domingo toca correr a proba en liña e a ver que tal sae”.

O domingo arrancará coa proba para as mulleres júnior ás 8:30 horas; as promesas do ciclismo feminino terán que afrontar 77,1 quilómetros. Mentres que ás 10:45 horas tomarán a saída os últimos en poñerse en liza, os júnior masculinos, que completarán o mesmo percorrido que os Máster 30: 123,7 quilómetros.

Anuncios