O PP reclama a Carmela Silva que cumpra cos concellos afectados polos lumes de 2017

O grupo provincial do Partido Popular volverá a reclamar á Deputación de Pontevedra e á súa presidenta, Carmela silva, que cumpra de unha vez por todas cos concellos e cos veciños afectados polos lumes de 2017 na provincia. Así o anunciaron esta mañá os deputados Elena Muñoz e Santiago Rodríguez, nunha rolda de prensa en Nigrán, un dos concellos máis afectados, e na que tamén participou a presidenta local do partido, María José Pino.

“Atopámonos con que o apoio da Deputación de Pontevedra, que debería ser a administración que máis preto estivera dos concellos afectados, foi nulo. O balance da Deputación nestes 10 meses é devastador, porque non fixo absolutamente nada e está negando a axuda a estes concellos”, denunciou Elena Muñoz. Por iso, o PP quere volver a poñer “este problema enriba da mesa”, así que vai presentar unha moción no próximo pleno provincial, que se vai celebrar o 14 de setembro, “para pedir contas e volver a esixir á presidenta Carmela Silva e ao seu Goberno que estean onde se lles necesita, cos afectados”. A súa obriga, apuntou Muñoz, é ocuparse dos concellos da provincia e dos pontevedreses. “Non nos valen máis anuncios publicitarios nin que nos falen de cartos que nunca aparecen, o que queremos son realidades, o que queremos son axudas e que sume a súa achega ás axudas que xa aprobou a Xunta de Galicia”.

A voceira popular recordou que, “nun primeiro momento, e obrigada pola presión social, Carmela Silva anunciou axudas por importe de 90 millóns de euros, pero desde o PP xa advertimos que eran mentira, que eran fogos de artificio, e dez meses despois demostrouse que lamentablemente tiñamos toda a razón. Non apareceu ningún tipo de axuda, non lle interesou, como agora tampouco lle interesa axudar aos afectados pola explosión en Tui, e a realidade é que cando se precisa á Deputación de Pontevedra non está nin se lle espera”.

Para os populares, “non se admite ningunha escusa porque a Deputación ten, nada máis e nada menos, que 163 millóns de euros en caixa”. Polo tanto, sinalaron, “diñeiro hai de sobra si quixeran axudar aos concellos e ás persoas afectadas polos lumes, pero aquí temos unha mostra absoluta de que este Goberno bipartito é de grandes anuncios pero de moi poucos feitos”.

O PP reclama que como mínimo, a Deputación afronte o 50% dos danos ocasionados en bens de titularidade municipal na provincia, que sería un millón de euros, algo que xa están facendo outras institucións provinciais. A Xunta aprobou axudas por valor de 23 millóns de euros, e nesas axudas xa se inclúe o outro 50% destes danos. Deste xeito, explica, evitaríase que teñan que costealo os concellos cos seus fondos propios. A isto, engadiron, habería que sumar axudas para aquelas persoas que o soliciten en todas as perdas que tiveron nos seus bens.

“Non se pode prometer 90 millóns de euros cando xa se sabe que están mentindo. Que poña de verdade esa achega, porque hai diñeiro en caixa e si quere, pode facelo”, reclamou a deputada popular.

Nesta liña tamén se pronunciou Santiago Rodríguez, que criticou que “esta Deputación nos ten acostumados a grandes eslóganes e a grandes titulares, pero a realidade é que non hai nin un só euro nin para os concellos nin para os veciños afectados”. Para o popular, “aquilo que nos anunciaron en 2015, de portas e ventás abertas, foi unha farsa porque a Deputación está máis pechada que nunca”.

Pola súa parte, María José Pino reclamou explicacións ao alcalde de Nigrán, que tamén é deputado no Goberno da Deputación de Pontevedra. “Está vendendo fume, comprometendo axudas da Deputación que non chegan. A única axuda económica que están recibindo os afectados son da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra non recibiron nin un só euro”.

Anuncios