CABE solicitará que se lle abra expediente sancionador a Serviocio

Logo da problemática da adxudicataria na concesión anterior da Piscina Mancomunada, da comisión de investigación creada no seo da Mancomunidade, dos requirimentos feitos á empresa e da apertura e resolución dunha nova adxudicación con novas cláusulas era de esperar que o servizo mellorase e se adecuase ao que os usuarios e usuarias demandaban.

O pasado día 31 os medios anunciaban que a Presidencia da Mancomunidade daba por liquidado o conflito da piscina mancomunada e os tres Alcaldes miñoráns xunto coa concelleira delegada de Deportes de Gondomar e o director das instalacións posaban ufanos nas novas instalacións.

Para Pauliño del Río, Membro da Xunta da Mancomunidade por Gondomar Concello Aberto, era pura propaganda e márqueting de postureo. “O certo e verdade é a situación de falla de servizos estes días cando se produce a apertura das instalacións e se comproba por parte dos usuarios as deficiencias evidentes que presentaban as instalacións, que impiden o seu uso. A maiores non existían nas instalacións as preceptivas follas de reclamacións a disposición dos clientes. Chove sobre mollado”.

Del Río recorda que son obrigas do concesionario establecidas no Prego de Contratacións: “b) Prestar os servizos coa continuidade convida, e garantir aos particulares o dereito a utilizalo nas condicións que se establecesen”.

“Debemos preguntarnos quen sae beneficiado en plena campaña de captación de abonados con este novo episodio do mal funcionamento dunhas instalacións públicas. Será algunha empresa privada?. Ante esta situación, xa repetida, da que facemos responsable ao Sr. Ferreira, como Presidente da Mancomunidade, Gondomar Concello Aberto presentará unha Moción no próximo Pleno da Mancomunidade para pedir explicacións e responsabilidades desta ineficiente xestión dunha concesión pública, xa que hai que saber quen permitiu a apertura das instalacións sen estar plenamente operativas”.

Asemade solicitarán que se lle abra un expediente sancionador por falla moi grave á empresa concesionaria da piscina, en base ao artigo 4.5 do Prego de Cláusulas Xerais da piscina mancomunada que cualifica como falla moi grave: “a) Non dar comezo á prestación de servizos contratados. b) Prestación manifestamente defectuosa ou irregular, ou paralización ou falta de prestación da totalidade ou parte dos servizos contratados”. Tamén solicitarán na proposta de acordo que se tomen as medidas necesarias para que non se lles cobre aos usuarios e usuarias das instalacións este período do abono ou se lle compense nas seguintes cotas.

Anuncios