Reabre a Piscina da Ramallosa tras un mes de reformas valoradas en 260.000 €

A partir do sábado 1 de setembro reabren as instalacións da Piscina Mancomunada da Ramallosa, coa posta en marcha do programa deportivo para o presente curso escolar 2018-2019. Esta apertura coincide coa finalización das moitas obras e reformas realizadas no complexo no mes de agosto, durante o cal as instalacións permaneceron pechadas ao público e non se cobrou o abono aos usuarios, co propósito de acondicionar e mellorar todas as súas infraestruturas para ofrecer a todos os veciños da comarca un servizo actual e de máximas garantías que ofreza unha alternativa máis interesante, polos seus servizos e prezos a toda a franxa de idades.

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitou este xoves as instalacións, acompañado polos alcaldes de Baiona e Nigrán, Ángel Rodal e Juan González, a concelleira de Deportes de Gondomar, Nuria Lameiro, o Técnico de Deportes de Baiona, Javi López, e Jorge Troncoso, director do centro.

As obras acometidas, por valor de 260.000 euros, centráronse no acondicionamento de vestiarios, limpeza de vaso e tratamento de chans antiescorregadizos na praia da piscina, melloras informáticas, con acceso a wifi a todos os usuarios, mellora do sistema de renovación de aires, lavado e pintado dos seus espazos comúns e unha renovación importante do seu material didáctico, máquinas Cardiovasculares e de Fitness en xeral que se irá incorporando ao longo do presente mes de setembro. Con todo iso realizaranse multitude de programas dirixidos e específicos para todos os usuarios.

Destaca tamén a implantación dun novo proxecto técnico para a natación, no que a través do Programa “Nadar é Vida” da Real Federación Española de Natación, garante que os nenos aprendan a nadar de forma correcta e nas mellores condicións, e na que os niveis serán susceptibles de acreditación pola RFEN. Outro dos elementos tecnolóxicos que se implantan é a utilización da APP de Serviocio, na que os usuarios poderán visualizar nos seus teléfonos as rutinas de adestramentos, horarios e demais actividades.

A primeira quincena de setembro realizaranse unhas xornadas de portas abertas gratuítas para que todos aqueles interesados poidan coñecer e realizar todas aquelas actividades previstas a desenvolver para o presente curso escolar.

A Mancomunidade do Val Miñor asinou o pasado mes de maio o contrato de adxudicación da piscina da Ramallosa con Serviocio Cultura, Deporte y Recreaciones SL, gañadora do concurso público de contratación. A empresa, que xa prestaba o servizo, foi a gañadora do proceso de licitación despois de ofertar un canon do 12% da facturación anual da concesión, respecto de BPXPORT que ofertou o 4% e FCC Aqualia o 8%. De igual maneira Serviocio SL, resultou ser a mellor oferta despois da valoración final dos sobres A e B, con 58,20 puntos respecto dos 43,35 de FCC Aqualia e os 30,31 de BPXPOT.

A adxudicación do servizo, que ascende a 5.134.518,33 euros máis IVE, será por cinco anos sen posibilidade de prórroga.