Gondomar propón dous fins de semana de teatro ao aire libre

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Aula de Teatro.

O programa «Cultura de Verán» continúa no mes de setembro. De entrada libre, e para un público disposto a divertirse, a partires das 21:00 horas cada fin de semana na Praza da Alameda esperan noites de escena e risas. Con este formato, o Departamento de Cultura pretende participar dun evento tradicional como é representar teatro na rúa, para un público familiar dun xeito cómodo, desfrutando de compartir un tempo de calidade a toda a veciñanza e visitantes de Gondomar. O que pretende tamén é promocionar a afección ao teatro como tal, e por suposto acceder aos consumos deste xénero mediante a representación do teatro xenerado dende as parroquias, anticipando así o que será despois o programa de teatro de «Outono en escena» no Auditorio Lois Tobío.

O venres 31 de agosto, grupo de teatro A Moura de Chaín coa montaxe «A Revirada».

Sinopse: No xulgado vai celebrarse o xuízo contra «A Revirada», unha muller con moito carácter que atacou ó mozo da súa filla por deixala quedar. As declaracións das testemuñas, denunciante e denunciada, dan conta de como entenden a mesma situación as diferentes personaxes desta historia.

O sábado 1 de setembro, grupo de teatro A Xesta Vermella de Borreiros coa montaxe «Pola culpa do Gayoso».

Sinopse: Obra cómica e amena, onde a unha familia se lle presenta unha inesperada sorpresa e é a partir de aí onde o espectador irá descubrindo e desfrutando das peripecias do resto das personaxes. Obra paticipativa na que colaboraron na súa redacción todos os membros do grupo.

O domingo 2 de setembro, grupo de teatro Bertorella de Morgadáns coa montaxe «Os pintores clónicos».

Sinopse: Unha viúva contrata a dous farsantes que se din pintores para un traballo. Ao chegar ao lugar ocorre un accidente que lles fai pensar que mataron a un home que na realidade é un manequín de cera e , a través das peripecias que fan os falsos pintores para ocultar o suposto crime, enterarémonos de que os pintores non son tan pintores, a viúva non é tan viúva nin o manequín é tan manequín. Nada é o que parece!

O venres 7 de setembro, grupo O mellor de cada casa de Viladesuso, Oia, coa montaxe «Cousas da vida».

Sinopse: Esta representación trátase de diversos sketch, que non teñen nada que ver uns cos outros, xa que se conta en cortos espazos de tempo, historias ou anécdotas que nos puideron pasar ao longo da vida, estas historias están representadas dun xeito divertido e conexionadas entre elas cunha breve narración con certo transfondo social para o respecto e tolerancia cara aos demais.

O domingo 9 de setembro, Aula de Teatro da OMIX de Gondomar Pritis Guomins coa montaxe «Pata de clown».

Sinopse: As rapazas toman o nariz vermello, retorcenno, danlle forma e o recolocan para crear un novo espectáculo baseado na técnica clown. Despois do éxito de «PataClown», desmontaron, recortaron por eiquí, pegaron por alá e o resultado é «Pata de Clown». Humor e música en formato sketch… e sorpresa final.

Anuncios