Anuncios
Ticker de novas

Emerxencias “low cost” para uns galegos de segunda

Desde hai uns meses a AGESGA (Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia) vén mantendo reunións cos distintos organismos públicos que forman parte do convenio aplicado aos GES (Grupos de Emerxencias Supramunicipais), os cales están integrados en 28 grupos e 2 parques de bombeiros dando cobertura a 174 concellos dos 343 que se estenden ao longo da comunidade, para tratar sobre o futuro dos mesmos.

As reunións que se mantiveron ata agora foron coa Deputación de Pontevedra, Deputación de Ourense e Deputación de Lugo, sendo esta última hai uns días. De todas estas reunións coas deputacións, cada unha ten unha visión distinta da profesionalización e estabilización dos GES. Por unha banda queren manter a continuidade e compromiso de manter as mesmas liñas que se mantiveron durante estes anos anteriores con algunhas modificacións por parte de cada Deputación sendo distintas entre estas.

Nesta última reunión mantida co presidente da Deputación de Lugo e sendo ao mesmo tempo alcalde da Pontenova, que mantén un servizo de GES, manifesta que se debe manter os grupos pero coa postura ao mesmo tempo que os GES deben de facer máis tarefas municipais, pois aínda que sexan prioritarias as emerxencias, os traballadores non poden estar de garda sen facer nada á espera de que salga unha emerxencia.

“Desde a AGESGA manifestamos e reiteramos que os servizos do GES foron creados para as emerxencias e dar cobertura ás zonas que non dan alcance os parques de bombeiros, como no seu momento manifestou a Xunta de Galicia para creación dos mesmos para cubrir as zonas de sombra do mapa de emerxencias da comunidade”, sinalan desde a asociación.

“Lembrar o que exercen certos alcaldes cos servizos de emerxencias derivando a traballos de albanelería, pintura, limpeza de rúas, recollida de lixo e outras, están a facer unha malversación do servizo e demora o tempo de resposta ás emerxencias e tamén a capacidade física do persoal á hora de atender a emerxencia. Por outra banda outros concellos apostan por profesionalizar o servizo e ter unha resposta inmediata sen demoras para atender as emerxencias exclusivamente pois recoñecen que os veciños teñen dereito a un servizo digno e non unhas emerxencias low cost para veciños de segunda”, engaden.

Desde a AGESGA continuarán coas reunións co resto dos organismos públicos e sindicatos para a mellora do servizo dos GES. Tamén achegará un paquete de medidas para a profesionalización do servizo que presentará á Xunta de Galicia cando manteñan a próxima reunión.

Anuncios