Comeza esta semana en Nigrán unha nova acción formativa de “Conectadas 2018”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Ao longo desta semana máis de 60 mulleres e homes de Moraña, Nigrán e Marín comezarán tres cursos programados ao abeiro do programa “Conectadas 2018”, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada á promoción e desenvolvemento da igualdade entre homes e mulleres. A estas accións formativas poden sumarse tanto homes coma mulleres e o obxectivo é promover e traballar na igualdade.

Este martes, día 28 de agosto, comezará unha acción sobre Pilates en Nigrán, organizada pola Asociación Centro Cultural Parada do Miñor. Será todos os martes e xoves pola tarde, en horario de 19:00 a 20:20 horas, na aula situada no Camiño da Igrexa-Parada. Preto de 20 persoas participarán nesta actividade enmarcada no programa “Conectadas 2018”.

“Conectadas 2018” é un programa da Deputación de Pontevedra destinado a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e empoderamento, así como a paulatina consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes.

Neste ano, Conectadas conta cun orzamento de 324.000 euros e desenvólvese a través de 46 accións formativas distribuídas en 8 bloques temáticos: “Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego”, “Muller e cultura: Artes Visuais”, “Actualízate”, “Coas túas mans”, “Porque ti o fas”, “Súmate ao cambio”, “Ponte en forma” e “Coidados persoais”. En 2017 beneficiáronse desta iniciativa un total de 343 entidades pertencentes a 60 concellos da provincia, o que supuxo que preto de 5.500 persoas participaran nas distintas actividades programadas.

Anuncios