Sin categoría

O PP culpa ao goberno de Gondomar ao completo da perda da brigada contra incendios

O Partido Popular de Gondomar volve a pedirlle ao alcalde Paco Ferreira e ao concelleiro de Urbanismo Antonio Araújo, que se deixen de liortas internas e que dunha vez por todas se poñan a traballar polo ben dos veciños de Gondomar.

A Xunta de Galicia quitou unha liña de axudas para a creación de brigadas contra incendios nos concellos galegos, subvencionando o custe do persoal. Mentres Nigrán e Baiona aceptaron firmar o convenio coa Xunta para crear sendas brigadas de prevención e extinción de incendios, Gondomar non disporá do grupo, e a razón é una vez máis, a falta de comunicación dos socios do goberno bipartito. As brigadas están integradas por cinco membros, catro peóns/condutores e un xefe, con salarios superiores aos 1.600 euros e con contratos de tres meses.

O Partido Popular de Gondomar quere recordar que o ano pasado o Concello de Gondomar foi un dos máis prexudicados pola vaga de incendios que afectaron o sur de Galicia. Con esta brigada se poderían limpar zonas, facer corta lumes, e deixar o concello en condicións de evitar os posibles incendios.

A presidenta do Partido Popular de Gondomar culpa ao goberno ao completo da perda desta subvención, algo que xa vén sendo habitual neste goberno municipal, xa que tanto Paco Ferreira como Antonio Araúxo non fixeron nada para poder conseguila. «O alcalde non pode culpar ao concelleiro de Medio Ambiente, xa que el é o que ten as competencias de firmar as solicitudes de subvención, e pola outra banda o concelleiro non pode cargar contra o alcalde por atribuírse estas competencias nos pasados incendios de outubro. Os dous son culpables, e os prexudicados son os veciños de Gondomar», afirma Paula Bouzós.

“Gondomar non se merece un goberno con continuas disputas entre os seus membros, e que non fan máis que entorpecer uns ós outros os seus traballos”. Paula Bouzós pídelle aos dous partidos do goberno (PSOE e Manifesto) que deixen a un lado as súas disputas internas e que por unha vez pensen no ben común, os beneficiados serían os veciños de Gondomar.