40 equipos disputarán a XVII edición do Torneo de Pas-Praia de Baiona

A Praia da Ribeira acollerá este sábado 25 de agosto a XVII edición do Torneo de Pas-Praia Vila de Baiona, no que participarán un total de 40 equipos constituídos como mínimo por 2 xogadores e como máximo 3 con polo menos 14 anos cumpridos, podendo ser mixtos. O torneo comezará ás 10:00 da mañá e desenvolverase en dúas fases, tentando que todos os equipos permanezan en competición o maior tempo posible. Os equipos deberán presentarse polo menos 30 minutos antes de cada partido.

Na fase previa o sistema será de liga todos contra todos a 1 set de 15 puntos. Nas fases eliminatorias será mediante sistema de eliminación directa ao mellor de 2 sets a 10 puntos. Organízase en 8 grupos de 5 equipos pasando á fase final do torneo os dous mellores de cada grupo, mentres que para o cadro de consolación pasarán os terceiros e cuartos. Os últimos de cada grupo quedarán eliminados.

O torneo desenvolverase en tres pistas instaladas no areal, co único propósito de divertirse e realizar actividade física. As pas e as bólas serán facilitadas pola organización, así como bocadillos e bebidas como de costume para que todos os participantes pasen un día de praia. A fase final desenvolverase ao longo da tarde, coas semifinais e a final. A continuación celebrarase a entrega de premios e agasallos a todos os participantes.

Anuncios