Teatro do Ar presenta en Priegue a obra “Intres de Luz”

FOTO: TEATRO DO AR // O grupo de teatro tras a estrea de "Naufraxio".

Os mozos e mozas de Nigrán que forman Teatro do Ar non descansan durante o verán para poder garantir a todos los veciños unha posta en escena orixinal e única. Este xoves 23 de agosto ás 21:30 horas no Auditorio do Centro Cultural “O Torreiro” de Priegue presentan de novo “Intres de Luz”, unha homenaxe á protagonista das Letras Galegas 2018, María Victoria Moreno, co obxectivo que dende Nigrán tamén se fale da intensa labor como profesora e escritora da galeguista extremeña.

“Intres de Luz” é unha creación de Pedro Rodríguez, un dos integrantes do grupo. Escribiuna despois de ler a poesía completa da protagonista do Día das Letras Galegas. Inspirado polos seus escritos e sentimentos creou unha obra independente e propia pero que lembra a Victoria Moreno. Co título como homenaxe os actores reflexionarán, como facía a escritora, sobre a memoria, o amor e a liberdade das persoas. Dunha maneira directa tocarán temas como a violencia de xénero, a depresión e a morte.

Dende o grupo afirman que van a presentar unha obra de teatro arriscada e que rompe co convencional. “Intres de Luz” sae das ganas de experimentar dos rapaces de Teatro do Ar, ningún maior de 22 anos. Rodríguez explica que esperan que o público chegue a sentir moi de cerca os sentimentos tratados. O seu obxectivo e que sintan e reflexionen con eles.

Por outra parte, xa está confirmada a próxima actuación do grupo na zona. Será o xoves da semana que vén no Auditorio do Concello de Nigrán ás 21:00 horas. Alí presentarán “Marionetas”, a composición máis ambiciosa do grupo ata hoxe e da que se saberá máis nos próximos días. Polo de agora, só deron a coñecer o título.

Anuncios