Este xoves, 23 de agosto, ás 20:00 horas, terá lugar a décimo primeira xeira de verán do IEM, para todo público e gratuíta, organizada coa colaboración da Concellería de Turismo e Patrimonio de Tomiño. Nesta ocasión realizarase unha saída denominada “O Monte Tetón. A paisaxe tatuada”, que será guiada polo experto Xosé Lois Vilar. O punto de encontro será a zona coñecida coma o Alto do Padrón, na estrada Tomiño-Gondomar.
A visita, dunhas dúas horas de duración, consistirá nun paseo polos principais petróglifos do Monte Tetón (Portaxes e de Real Seco), dentro do Parque Arqueolóxico do mesmo nome. Ambos os dous forman parte dunha ruta sinalizada e atópanse perfectamente delimitados, cunha plataforma de madeira para poder observalos sen ningún perigo. A antigüidade do conxunto remóntase aos anos 3000-2000 antes de Cristo. O petróglifo de Portaxes é o maior en círculos concéntricos de toda Europa.
Por enriba dos gravados sitúase o Monte Tetón (474 m), dende onde pode desfrutarse dunhas magníficas vistas do Val Miñor e O Baixo Miño.
Coma en outras anteriores, nesta xeira contarase tamén coa colaboración de intérpretes de lingua de signos, de xeito que as persoas con problemas de audición, poidan desfrutar tamén desta interesante proposta cultural, natural e etnográfica. Non é necesario anotarse previamente. Os organizadores recomendan levar calzado e roupa cómoda, algo de abrigo e auga.

