A CEMMA (Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños) dá comezo a unha actividade de monitorización de cetáceos na plataforma de Galicia durante agosto e setembro. Estas campañas serán realizadas dende Vigo e O Grove.
Dende o ano 2003 ata o ano 2011 a CEMMA levou a cabo 125 embarques, cunha media anual de 14, nos que realizou 398 avistamentos de cetáceos, cunha relación media dun avistamento cada 2,4 horas de navegación ou 28,6 km percorridos.
A falla de financiamento truncou ese traballo rutineiro e nos seguintes anos realizáronse tan só campañas de fotoId e campañas puntuais e sen continuidade. Agora a CEMMA quere recuperar as campañas sistemáticas de monitorización de cetáceos.
O obxectivo principal deste proxecto é o de incorporar información sobre a presenza e distribución dos cetáceos da plataforma de Galicia mediante a monitorización a través da realización de embarques.
Contarán coa participación dos asociados da CEMMA e de público en xeral, a gastos compartidos, que se incorporen á campaña. Calquera persoa pode participar independentemente dos seus coñecementos sobre o mar, cetáceos ou campañas.
Asumirán os criterios do estudo, recibindo formación técnica mínima e información sobre educación ambiental mariña, en xeral, e sobre os mamíferos mariños en particular.
Campañas programadas
Será realizada a primeira campaña mañá xoves día 23 dende Vigo e están xa programadas cinco campañas entre Vigo e O Grove.
- VIGO o día 30 de agosto e o día 8 de setembro. Sen prazas dispoñibles.
- O GROVE o día 27 de agosto, o día 5 e o día 10 de setembro. Prazas dispoñibles só o día 10.
Pendentes de novas datas de embarque no mes de setembro.
Estas campañas son as únicas en Galicia actualmente autorizadas expresamente como actividade de avistamento de cetáceos pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente, Ministerio para la Transición Ecológica.
A importancia da monitorización
Este tipo de campañas presenta certas limitacións, espaciais e temporais, pero son unha boa oportunidade de continuar cos traballos de distribución e densidade de cetáceos comezadas en Galicia a principios do século XXI.
Os interesados poden manter un seguimento das campañas a través do Facebook da CEMMA e solicitar información, custes e reservas no correo cemmaorganizacion@gmail.com.

