
A Asemblea Veciñal por un transporte Digno para Gondomar presentou este martes no rexistro xeral do Servizo de Mobilidade da Xunta en Pontevedra, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, 1.105 sinaturas reclamando a inclusión de Gondomar no transporte metropolitano e un documento no que se recollen as críticas e reclamacións a respecto das reiteradas supresións nas liñas e frecuencias. Ademais realizouse unha concentración nas inmediacións. Unha copia de todo o presentado en Pontevedra foi presentada no Concello de Gondomar, para que este inste á Xunta a cumprir coas súas demandas.
Á Atención da Conselleira de Infraestructuras e Vivenda, Transportes e Mobilidade da Xunta de Galiza.
A Asemblea Veciñal por un transporte digno para Gondomar quere facerlle constar o seguinte:
– Non entendemos porque nos nega as veciñas e veciños de Gondomar a intregración inmediata do noso Concello no Convenio de Transporte Metropolitano na área de Vigo. Non entendemos porque a Conselleira nos di, a nós, ás veciñas e veciños de Gondomar, que “quen foi a Sevilla perdeu a silla”. Non nos parece resposta seria por parte dunha membro do Goberno Galego. A veciñanza de Gondomar, non o seu goberno local; a veciñanza en xeral e as persoas usuarias do transporte en particular, non poden ser discriminadas por decisións erradas dos seus gobernantes, sexan estes do Concello ou da Xunta.
– Con esa actitude o seu Goberno da Xunta impide que as veciñas e veciños de Gondomar poidamos usar a Tarxeta Metropolitana nos nosos deprazamentos desde e hacia Gondomar. Nós temos que pagar billetes por riba do triplo do que nos custarían coas bonificacións da tarxeta (anéxase táboa comparativa cos prezos anteriores a xullo de 2018). Ás nosas mozas e mozos menores de 19 anos non teñen dereito a viaxaren gratiscomo os do resto do Val Miñor. Mais non conforme con iso, ese mesmo Goberno Galego súbenos as tarifas incrementado o prezo dos billetes en até un 20%.
– Mais os agravios non rematan aí. Por contar só os máis recentes recortes no históricamente precario servizo de transporte de viaxeirxs entre Gondomar e os concellos limítrofes podemos citar:
- que leven anos impedíndonos viaxar en ATSA directamente desde a vila de Gondomar a Vigo;
- que no ano 2013 se permitira que a empresa ATSA eliminara a metade das frecuencias entre Gondomar e Vigo;
- que non contamos con transporte ao CUVI, nin interparroquial, nin cos concellos do propio Val Miñor:
- ou que desde o 30 de xullo deste ano a empresa Melytour elimine varias das frecuencias entre Gondomar e Vigo e moitas das máis necesarias que comunicaban as parroquias coa vila de Gondomar e con Vigo.
O último caso, o máis recente provoca, por citar algún exemplo, que nas parroquias de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso (3.800 habitantes, un 24% da poboación total) queden sen as liñas a Vigo das primeiras horas da mañá (7:00 e 8:00), tendo que se desprazar por outros medios a coller o autobús en Gondomar. Isto supón un incremento de tempo e/ou de custe económico nos desprazamentos, que pode levar algunhas persoas, maioritariamente mulleres con traballos de xornada e salario reducidos, mais moi necesarios para manter as economías familiares, a ter que deixar os seus traballos de non se repoñer eses horarios. Ou que se vexan sen as liñas a Gondomar das primeiras horas, as necesarias para acudir á Vila para acudir ao Centro de Saúde a realizar analíticas, controles e citas médicas, ou a realizar xestións bancarias e comerciais, O mesmo que pasa na parroquia de Vincios (2.260 habitantes, case un 15% do total) xa que o primeiro autobús da mañá chega a Gondomar ás 10h.
– Non entendemos que os nosos gobernantes poñan os informes económicos das empresas por diante dos intereses da veciñanza, por diante dun servizo público imprescindible como é o transporte público colectivo.
E non o entendemos porque outorgan as reduccións que as empresas de transporte solicitan sen previamente contrastar e poñer en común cos colectivos aos que lles vai a afectar, sen consensualas. Sen antes poñer en practica medidas e campañas de incentivación e de fomento do uso do transporte público colectivo que o fagan viable (mesmo desde o punto de vista da empresa), como a implantación da tarxeta metropolitana, que ao reducir tanto o custe do billete xa é de por si un incentivo. Tal como di o seu propio convenio do transporte metropolitano, ese no que o seu goberno non nos quere deixar entrar; ou medidas de discriminación positiva do transporte colectivo fronte ao particular, visto non só desde unha perspectiva economicista, senón tamén como unha alternativa máis limpa e sostible ambientalmente falando.– Non entendemos que, malia contar con dúas empresas de transporte operando en Gondomar, por culpa das decisións tomadas desde a súa Consellería, desde o seu Goberno da Xunta, teñamos o peor servizo de transporte de toda a área metropolitana de Vigo e o máis caro con diferencia.
– Sra. Conselleira, a veciñanza de Gondomar afectada polo cada vez máis cativo e deficiente servizo de transporte colectivo de viaxeiras temos solicitada unha reunión con Vostede desde o 4 de maio deste ano, vai facer catro meses, e non obtivemos nin a máis mínima resposta. Non entendemos como se pode permitir semellante desprezo.
Hoxe estamos aquí para facerlle saber que non imos parar até que consigamos o servizo de transporte que as veciñas e os veciños de Gondomar precisamos.
En Pontevedra, a 21 de agosto de 2018.
A Asemblea Veciñal por un transporte Digno para Gondomar