O murciano “Pez de Abril” e o valenciano Luis Senís, mellor barco e armador do ano

A tripulación do Pez de Abril con José María Meseguer aos mandos.

O barco murciano “Pez de Abril” do Club Náutico Portman, patroneado por José María Meseguer, e o armador valenciano do Swan 45 “Clínicas Dr. Senís” (anterior Porrón IX), Luis Senís, recibirán o próximo 1 de setembro en Baiona os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda ao mellor barco e armador do ano.

Nunha gala que se celebrará, como vén sendo tradición, no marco do Trofeo Príncipe de Asturias do Monte Real Club de Yates, a tripulación do Swan 42 “Pez de Abril” recollerá o galardón que a distingue como a mellor do ano tras lograr a vitoria, neste 2018, en dúas das competicións náuticas máis prestixiosas de España, a Copa da Raíña e a Copa do Rei. O equipo, que en 2017 conseguía a prata no mundial de vela, asinou ademais, un meritorio segundo posto na Palmavela.

Á fronte do “Pez de Abril” do Club Náutico Portman atópase o José María Meseguer, un empresario murciano que empezou a navegar hai apenas 5 anos, á idade de 40, tras realizar un curso de iniciación á vela lixeira. Tras dar o salto ao cruceiro e cambiar de barco, as súas ganas e o seu ímpeto fixeron ascender todo o máis alto a unha tripulación á que aplicou, segundo di, criterios de xestión de empresa: creando un equipo humano excelente, dándolles recursos e deixando que traballen coordinados baixo un bo liderado.

Meseguer compartirá escenario en Baiona con outro dos grandes nomes da vela en España neste 2018, o valenciano Luis Senís, que recollerá no Monte Real o premio que o distingue como mellor armador do ano polo gran traballo realizado á fronte do “Clínicas Dr. Senís” (anterior Porrón IX).

Na súa resolución, o xurado dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, quixo destacar a evolución ascendente dun proxecto que naceu hai anos como amateur pero que foi crecendo sen parar ata chegar ao máximo nivel. Na actualidade son campións do mundo de Swan 45 e a súa intención é revalidar o título neste 2018 na Rolex Swan Cup que se celebrará en Porto Cervo a mediados de setembro.

No longo currículo deportivo do novo Premio Nacional de Vela Luis Senís figuran tamén 4 trofeos de SM A Raíña, 4 vitorias en Palmavela, 3 subcampionatos da Copa do Rei de Vela e 5 campionatos de España de ORC.

As súas últimas vitorias conseguíaas hai apenas unhas semanas en Mallorca. Tras gañar a Copa do Rei na súa categoría, o “Clínicas Dr. Senís” proclamábase simultaneamente vencedor, por segundo ano consecutivo, dun dos títulos máis importantes da vela cruceiro, a Nations Trophy Mediterranean League 2018.