Anuncios
Ticker de novas

Pepe Costas, recoñecemento a un clásico do Val Miñor

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Juan Vázquez de Novecento, o alcalde Francisco Ferreira e Pepe Costas.

Cada vez é menos frecuente atoparse con persoas que non pasen desapercibidas alá por onde van pero José Joaquín Costas Miniño (1950) conseguiu esta distinción con nota. A primeira ollada o seu nome non di moito pero se nos referimos a el como Pepe Costas a cousa cambia, e é que este baionés de nacemento e de corazón é unha das almas vivas da comarca do Val Miñor.

Desde moi novo sentiuse atraído pola música, as festas e os actos sociais. Na década dos 60 foi o precursor dos famosos guateques que se celebraban no municipio todos os fins de semana en horario de tarde, nos 70 traballou como picadiscos na discoteca Eva de Praia América, nos oitenta fichou pola coñecida sala de festas “Novecento” de Gondomar e ao pouco tempo pasou a formar parte da discoteca “Interprais” onde estivo como DJ residente durante máis dunha década e foi aquí onde se gañou o pseudónimo de DJ “Pepeprais”. Ademais combinaba estes traballos co de correspondente informativo.

Sen dúbida poderíase dicir que este baionés foi un dos principais precursores da marcha miñorana ata o punto de que acaba de obter un recoñecemento pola súa traxectoria, entregado da man do alcalde de Gondomar Francisco Ferreira durante a celebración da “Festa dos 80”. Un tributo dedicado á sala “Novecento” que para moitos segue sendo sinónimo de diversión, mocidade e bos momentos, máis de tres décadas despois da súa desaparición.

Tras deixar o mundo das discotecas montou a súa propia empresa de eventos e dedicouse xunto a un compañeiro para amenizar festas privadas e vodas. Co paso do tempo foi cambiando os traballos nocturnos polo diúrnos pero sen deixar de lado unha intensísima vida social que lle serviu para gañarse uns “galóns” dignos de admiración, e hoxe en día Pepe Costas é practicamente coñecido por todos. O baionés segue estando presente en multitude de eventos celebrados en Baiona participando activamente como “speaker”.

Costas atrévese con todo, actividades deportivas de calquera índole, actos sociais ou festas populares. Este ano presentou a travesía a nado Costa Serena celebrada en Panxón, a tradicional Regata de Gamelas, a danza das espadas, as cucañas marítimas e mañá domingo guiará a carreira popular “Andar e Correr”, cun percorrido de 10 quilómetros que leva sen modificarse máis de 30 anos. Ademais todos os venres de xullo e agosto protagoniza as rutas guiadas polo Parador Conde de Gondomar ás 19.30 con traxe medieval incluído. Aos seus 68 anos de idade asegura que non ten pensado retirarse co que todo apunta que queda “Pepe” para longo.

Pepe Costas e o famoso suceso da vaca “Pinta”

Se algo caracteriza a Costas é a súa forma de ser e o seu sentido do humor, aínda que neste punto a súa familia xogou un papel moi importante. O seu pai, José Costas, coñecido popularmente como “O Cabeco”, protagonizou unha das historias máis delirantes da vila mariñeira. E é que en 1983 una das súas vacas foi detida por orde directa de “Chicho”, o alcalde que gobernaba por aquel entón e sen saber moi ben como, a que bautizaron como “La Pinta” acabou nos calabozos. A noticia deu a volta a España e ata saíu das fronteiras nacionais, moitos comentan que medios tales como o New York Times ou o Washington Post fixéronse eco do suceso. Mentres tanto os anos foron pasando e o cativerio de “La Pinta” alongouse durante catro anos. Pepe, fillo, participou activamente no transcurso dos acontecementos atendendo as chamadas telefónicas dos xornalistas que, incrédulos, interesábanse polo sucedido.

Anuncios