O Val Miñor Fest ofrece concertos e xogos populares durante toda a fin de semana na Ramallosa

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Val Miñor Fest.

O Val Miñor Fest, o gran festival da comarca dedicado á degustación da cervexa artesá, permanece na Alameda de A Ramallosa ofrecendo cada día música en directo, xogos populares e, por suposto, cervexa combinada coa oferta gastronómica das food-trucks. Onte foron centos os asistentes que se achegaron á súa xornada inaugural e se agardan miles ata o seu peche o domingo. Esta tarde ás 20:00 horas tocará Pacheco Bros e a continuación Los Pontiaks; o sábado ás 20:00 será a quenda de Blue Monk e ás 22:30 de El Pelotón de los torpes; finalmente, o domingo ás 12:30 sesión beer-mú con Breakin´Bones, que repite ás 20:00 horas e a quen lle seguirá Rockolas. O evento está organizado entre Concello de Nigrán e Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e, dado o seu carácter familiar, tamén disporá todos os días ás 19:00 horas de actividades infantís a cargo de Tatarina. Os asistentes poderán degustar oito marcas de cervexa artesá de toda Galicia (Trisk Ale e Vacaloura, concretamente, de Nigrán) unidas a sendas etiquetas de Toledo, Bierzo, Ponferrada e Astorga.

“O ano pasado o Val Miñor Fest tivo unha acollida espectacular, forma parte xa dunha das nosas propostas máis señeiras do verán xunto ao Nigranjazz, Solpor, Vive Nigrán ou Season Fest. A situación deste tipo de eventos de carácter familiar ao aire libre e na contorna da Foz é éxito asegurado”, resume o alcalde, Juan González.

Todas as marcas terán prezos máis baratos que o habitual nestas cervexas e haberá para todos os gustos: cervexa rubia tradicional, suaves ou ata de 12 graos, de castañas, con mel, chile…

As marcas de cervexa artesá que están presentes son Bubela (Lugo), A cova da serpe (Lugo), Trisk-Ale (Nigrán), Vacaloura (Nigrán), Belecker (Ponferrada), Nos (Vigo), Áncora (Ourense), Nasa (Pontevedra), Cervexas Silvestres (Pontevedra), Castreña (Bierzo), Sagra (Toledo) e Trechura (Astorga).

PROGRAMA VAL MIÑOR FEST