Sin categoría

O “Princesa Yaiza” recibirá en Baiona o Premio Nacional de Vela ao monotipo do ano

A tripulación do “Hotel Princesa Yaiza” recibirá o próximo mes de setembro en Baiona o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao monotipo do ano tras facer historia na vela española ao converterse neste 2018 en pentacampioa do mundo da clase J80.

No campionato polo cetro mundial celebrado o pasado mes de xullo na localidade francesa de Lles Sabres d’Olonne, o veleiro liderado polo lanzaroteño Rayco Tabares non só sumou o seu quinto título, senón tamén o cuarto consecutivo, tras as vitorias de 2015 en Kiel, 2016 en Sotogrande e 2017 en Southampton. O primeiro dos cetros mundiais lográrano en 2009 en Santander.

O “Hotel Princesa Yaiza” asinou este récord absoluto na historia dos monotipos de 8 metros de eslora representando ao Real Club Náutico de Arrecife e cunha tripulación de campións a bordo. Un equipo formado polo canario Rayco Tabares, pentacampión mundial; Héctor González e Lai Torres, con 4 títulos mundiais no seu haber; e Alfredo González e Alejandro Bethencourt, con tres títulos cada un.

Na gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda que se celebrará no Monte Real Club de Yates o próximo 1 de setembro, o líder do Princesa Yaiza, Rayco Tabares, seguirá escribindo o seu nome con maiúsculas na historia da vela española, ao recibir o que será xa o seu segundo premio nacional. O primeiro recolleuno en 2016, como patrón do ano, tras lograr, con apenas 32 anos, o seu terceiro campionato do mundo, algo que ninguén lograra ata o momento.