Máis de 70 vehículos inscritos na popular baixada de carros de bólas de Camos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Baixada de Carros de Bólas en Camos.

Concello de Nigrán e Asociación Eixotolo ofrecen este mércores durante todo o día a popular baixada de carros de bólas na parroquia de Camos, evento que terá lugar na rúa San Roque, onde naceu a proba hai décadas. Máis de 70 vehículos individuais e colectivos (entre carrilanas pneumáticas, de rodamentos e triciclos) participarán na competición, que no caso dos federados na FEDEI (Federación de Deportes de Inercia) será puntuable no Campionato Galego e de España, con xuíces que cronometrarán o percorrido. Os que participan por libre compiten en función da orixinalidade na construción (establécense tres premios de 300 €, 175 € e 75 €) e haberá trofeos para o golpe máis simpático, o artefacto máis rudimentario… Estes premios dos non federados limítanse aos carros de bólas (vehículos que se desprazan a través de rodamentos) co obxectivo de potenciar esta construción primixenia.

Como xa é habitual, esta XI edición celébrase na rúa San Roque, constando aproximadamente dun quilómetro de baixada que discorre dende o Torreiro de Festas ata practicamente o Pazo da Touza. Os adestramentos serán de 11:00 a 13:00 horas (a previsión é de facer dúas mangas) e a propia competición de 15:30 a 20:30 horas (tamén con dúas mangas). Cun desnivel do 60%, de seguro que deixará novamente imaxes espectaculares ao superar os vehículos os 70 km/h e contar con grandes curvas. No inicio da competición, ás 15:00 horas, haberá unha exhibición de vespas antigas.

Nesta ocasión a baixada culminará cun concerto de rock no Torreiro de festas San Roque a cargo de Dúo Dado, “Bakintaun” Thin Lizzy Tribute e Stoned at Pompeii. No mesmo recinto estará instalado dende mañá un mercado artesá e o propio día da baixada poñeranse á venda callos para degustación.

Anuncios