Anuncios
Ticker de novas

A senda ciclista de Gondomar a Ramallosa acumula atrasos

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Estado actual da senda mixta que se está levando a cabo na PO-340 entre os municipios de Nigrán e Gondomar.

Os traballos de mellora na seguridade viaria da PO-340 que une Ramallosa con Gondomar, cuxa finalización está prevista para final de ano, avanzan segundo o establecido. Con todo ciclistas e veciños da zona quéixanse do estado no que se atopa o viario. Aseguran que hai moitas zonas nas que apenas se está actuando e como consecuencia das obras o tráfico rodado colápsase en varios puntos do tramo. “Apenas vemos traballadores, ás veces aparece algún pero en nada se vai”, aseguraron.

As versións entre usuarios e as Administracións contradinse, e tanto Xunta como Concello manteñen que se está traballando segundo o planeado, aínda que o certo é que os atascos son unha tónica nunha estrada pola que circulan 14.000 vehículos ao ano e onde a súa densidade acentúase os meses de verán.

Por outra banda, moitos manteñen que a seguridade viaria neste momento é un dos puntos débiles do proxecto e que circular en bicicleta pola zona a miúdo convértese nunha odisea. “O outro día unha ambulancia viullas e desexoullas para pasar por aquí, e coller a bici é xogarcha”, afirmaron. O órgano autonómico reitera que se están cumprindo os prazos e que o único problema existente é o relativo a uns retranqueos de servizos nunha das rotondas. En canto á fluidez do tráfico manteñen que non se están levando a cabo cortes de carril, e que as actuacións se centran nun das marxes da estrada tratando de minimizar as súas consecuencias na circulación. Con todo aseguran que “as interferencias son inevitables tendo en conta que é unha intervención importante que se estende ao longo da PO-340”. Sobre este punto tamén existen grandes diferenzas e multitude de usuarios aseguran que os prazos para rematalas pódense acurtar, ademais de que sería posible unha execución por tramos para minimizar os efectos sobre o tráfico rodado. “Poderían proceder doutra maneira, ademais falamos dunhas obras que a primeira ollada se fan rápido”, aseguraron.

O alcalde de Nigrán, Juan González, explicou que primeiro están a soterrar as liñas eléctricas para despois empezar coa planificación da senda e de diferentes elementos para eliminar os puntos negros existentes. “Poderíase levar máis material para acelerar os traballos, pero isto aínda provocaría máis colapsos no tráfico”, apuntou.

As obras, que comezaron fai seis meses, contemplan a construción dunha senda para peóns e ciclistas de tres metros de ancho ao longo de 3.6 quilómetros pola marxe esquerda entre Ramallosa e Gondomar, ademais da eliminación de catro puntos de concentración de accidentes. Para iso contan cun orzamento que supera os dous millóns de euros. Fenosa, pola súa banda, e aproveitando as actuacións que está a levar a cabo a Administración, está a eliminar as liñas aéreas.

Anuncios