Anuncios
Ticker de novas

O Pleno do Consorcio da Zona Franca aproba os orzamentos para o ano 2019

FOTO: CZFV // Pleno do Consorcio da Zona Franca.

O Pleno do Consorcio da Zona Franca, presidido por Abel Caballero, aprobou hoxe os orzamentos para o ano 2019 por unanimidade e con todas as partidas de investimento propostas polo delegado David Regades. O volume de investimentos co que neste novo período do Consorcio activaranse as dotacións de chan industrial, intervencións urbanas e novos centros de emprendementos, ascende a unha cantidade total de 45 millóns de euros. Durante a sesión celebrada esta mañá na sede central de Bouzas, tamén tomaron posesión dos seus cargos os novos vocais designados polo Estado, Elena Espinosa Mangana, María Mejías Sacaluga e Manuel Rodríguez Vázquez, así como tamén o fixo como vogal en representación do Concello de Vigo, Ángeles Marra Domínguez.

Estes novos orzamentos contemplan un significativo volume de investimentos para 2019 xa que alcanzan un total de 45 millóns de euros, dos que 15 millóns destínanse á compra de chan e ao comezo de obras para a ampliación do PTL, 4 millóns a obras de mellora do Polígono de Bouzas, e 12 millóns a outros proxectos cun importante impacto na cidade de Vigo como a creación dun Centro Gastronómico, a participación na recuperación da Panificadora ou a rehabilitación do edificio Siemens na antiga ETEA. A investimentos no Polígono de Balaídos destínanse case 4 millóns a realizar en 2019 e ao desenvolvemento de chan industrial, fundamentalmente a PLISAN, destínanse outros 4,1 millóns de euros. No Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, investiranse 1,6 millóns para a construción de novas naves para albergar novas empresas

O Consorcio mantense outro ano máis como un ente estatal solvente e estable desde o punto de vista financeiro, sen xeración de déficit e sen endebedamento.

En palabras de David Regades, o novo programa de investimentos caracterízase por unha aposta decidida por aumentar a intensidade das actuacións que contribúan á mellora do tecido industrial de Vigo e a súa área de influencia para o que se planificaron investimentos tanto para a ampliación e reforzo das infraestruturas para o asentamento e consolidación de empresas, como para a prestación de servizos de valor engadido que apoien o desenvolvemento do tecido empresarial en ámbitos como o emprendemento, a internacionalización, a innovación, a información empresarial e a detección de oportunidades de desenvolvementos singulares para sectores considerados clave na nosa economía como son a automoción ou alimentación/gastronomía por citar dous exemplos.

Orzamento de capital

Ademais das actuacións previstas relacionadas coa dotación de chan para o asentamento e desenvolvemento de actividades empresariais na súa área de influencia, que se inclúen no apartado de “aprovisionamentos” da conta de resultados e ascenden a outros 4,3 millóns de euros cos que o Consorcio ten previsto realizar en 2019 outro tipo de actividades que tamén perseguen o impulso da actividade empresarial e a xeración de emprego e que teñen na súa maioría o tratamento orzamentario de inmobilizado.

A continuación inclúese na táboa adxunta un detalle dos principais investimentos en inmobilizado previstas en 2019, incluídas nos presentes presupostos por un importe total de 41 millóns de euros.

2019
Investimentos en Activos Fixos-
Polígono de Balaídos- Melloras en naves e outras construcións 2.060.000
Ampliación do Polígono de Balaidos 1.617.315
Construción de edificio de oficinas e viveiro en Vigo- Avda.Portanet 2.562.500
Polígono Zona Franca – Bouzas- Obras de mellora 4.341.670
Ampliación do PTL- Compras de chan e obras 14.641.494
Parque Empresarial de Porto do Molle 1.640.000
Construción de novas naves en Porto do Molle 1.640.000
Intervencións urbanas 1.628.000
Centro Comercial A Laxe 600.000
Parking Montero Ríos – Obras de reforma 1.028.000
Novos centros de emprendemento 200.000
Rehabilitación edificio SIEMENS-ETEA 4.140.000
Proxecto Panificadora – Adquisición de bens e dereitos 4.100.000
Centro Gastronómico 4.000.000
Outro Inmobilizado 149.750
Total Investimentos en activos fixos 41.080.729

Resumo de actividade prevista 2018-2022

As actuacións incluídas nestes orzamentos e a súa cuantificación fan referencia aos importes orzados para o exercicio 2019. Loxicamente, este tipo de actuacións, debido á súa dimensión son en moitos casos de carácter plurianual polo que, para considerar o seu verdadeiro alcance, é necesario contemplar os investimentos previstos ao longo de varios exercicios. Así, desde este ano 2018 ata o exercicio 2022, pódese avanzar que nos próximos anos entre proxectos de chan industrial e investimentos en inmobilizado, o Consorcio da Zona Franca de Vigo realizará proxectos por unha contía total de 186,6 millóns de euros.

Anuncios