Chandebrito inaugura o seu Bosque da Memoria, símbolo da loita contra os lumes forestais

A parroquia de Chandebrito (Nigrán), bautizada como “a zona cero” ao ser un dos lugares máis afectados polos incendios que arrasaron Galicia o pasado outubro, inaugura este venres día 10 de agosto o seu Bosque da Memoria, un espazo de descanso poboado por árbores autóctonas como o carballo, o castiñeiro ou a sobreira… e completado con mobiliario de descanso e paneis informativos. Este espazo enmárcase na acción “Árbores de Cinza” impulsada pola Asociación Galicia Ambiental e que contou coa colaboración directa de distintas asociacións da zona, como a Comunidade de Montes de Chandebrito, e outras de carácter internacional, como a Fundación C&A, da devandita cadea téxtil.

Este particular Bosque da Memoria, situado aos pés do Castro, pretende ser un recordo vivo do paso dos incendios por esta zona en outubro do pasado ano. Pero, ademais, este bosque busca converterse nunha mostra da existencia de alternativas sustentables e viables para os bosques galegos ao estar integrado por especies autóctonas, unha mensaxe de sustentabilidade tanto para os veciños como para os visitantes deste espazo. O bosque compleméntase coa instalación de sinaléctica e espazos especialmente concibidos para os visitantes a modo de centro de interpretación e zona de descanso. No seu afán divulgador, estes paneis explicativos conteñen información sobre as especies autóctonas utilizadas na repoboación coa intención de dar a coñecer entre a poboación estas árbores típicas dos nosos bosques. Unha homenaxe aos que sufriron o incendio e as súas consecuencias, e en especial ás dúas veciñas que perderon a vida cando tentaban escapar do lume na zona.

Tras semanas de traballo, a inauguración deste espazo verde pretende ser un punto de encontro ao redor da sustentabilidade e o respecto cara á natureza. Un acto de celebración que contará tamén con música en directo.

De novo, os esforzos de Árbores de Cinza concéntranse, en boa medida, na parroquia de Chandebrito, que non foron os únicos prexudicados naquela onda de incendios vividos en outubro do pasado ano en toda Galicia, pero son “exemplo e motivación” para o proxecto Árbores de Cinza 2018. Non en balde, nesta parroquia rural do municipio de Nigrán, que apenas alcanza os 540 habitantes, as chamas arrasaron polo menos 420 hectáreas das 430 hectáreas do seu monte.

Xornadas Técnicas sobre alternativas e rendibilidade económica e ambiental do monte bio-diverso

A inauguración do Bosque da Memoria será o colofón a unhas sesións centradas na biodiversidade, a loita contra o lume e a formación en materia ambiental que se levarán a cabo en Chandebrito esta semana. En concreto nas tardes do xoves e o venres (9 e 10 de agosto) terán lugar as xornadas “Rural sostible” que se enmarcan, de novo, na acción solidaria “Árbores de Cinza”, impulsada pola asociación Galicia Ambiental e que ao longo destes meses centrou os seus esforzos en colaborar, na medida das súas posibilidades, na recuperación desta zona afectada polos lumes.

Este curso de formación busca potenciar o coñecemento de alternativas rendibles ao uso do monte, sensibilizar sobre políticas preventivas e, á vez, dar protagonismo ao papel da muller… achegando información que lle permita actuar como divulgadora da mensaxe de concienciación ambiental. Estas xornadas técnicas están abertas a todos os veciños de Chandebrito, aínda que, entre eles, seleccionaranse dúas mulleres para dar testemuño, durante o curso 2018-19 en centros sociais e colexios galegos, das consecuencias do lume na súa parroquia e para explicar as accións de recuperación na súa zona. Esta iniciativa persegue o obxectivo de transmitir ás novas xeracións a importancia de coidar da súa contorna próxima pero, ademais, pretende que sexan as mulleres, un colectivo demasiadas veces silenciado, quen se encargue de transmitir esta mensaxe. Desta forma, as xornadas de Chandebrito forman parte dun conxunto de accións que se prolongan durante o ano 2018, grazas á colaboración e apoio da Fundación C&A o proxecto promovido por Galicia Ambiental e que ten a Chandebrito como principal beneficiario.

Programa das xornadas

Ao longo destas dúas xornadas, diferentes relatores involucrados tanto no proxecto como na recuperación da zona así como expertos en educación ambiental abordarán a pegada dos incendios e alternativas sustentables para os bosques galegos. Tanto o xoves como o venres, as xornadas terán lugar no centro social de Chandebrito a partir das 19:00 horas. Na primeira sesión, o día 9 (tras a benvida dos responsables do proxecto e a Comunidade de Montes), intervirá Manuel Domínguez Rei, biólogo e educador ambiental, que tratará a rendibilidade do monte, presentando alternativas respectuosas co medio ambiente e que tamén proporcionan un beneficio directo aos propietarios e veciños, en definitiva, opcións máis aló das máis populares centradas en especies alóctonas.

Xa na xornada do venres, día 10, a sesión centrarase en analizar directamente dúas medidas de prevención dos incendios forestais que precisan da implicación de toda a sociedade. O educador e divulgador ambiental, Antón Lois Estévez, abordará por unha banda a contribución das especies autóctonas a lograr unha sustentabilidade tanto ambiental como económica do territorio. E, por outra banda, tamén profundará na necesidade de combater os lumes con accións preventivas durante as épocas de menor risco. Accións de limpeza e silvicultura do monte son unha ferramenta cada vez máis necesaria para evitar que as chamas arrasen os montes. Ao remate desta sesión levarase a cabo a inauguración do Bosque da Memoria, que precisamente incide nesta mensaxe dunha forma directa.

Árbores de Cinza

A acción solidaria da Asociación Galicia Ambiental, Árbores de Cinza, foi posta en marcha en decembro de 2017 tras a onda de incendios que arrasou Galicia en outubro dese mesmo ano na que se contabilizaron máis de 200 lumes declarados, e que obrigou a máis de 4.000 persoas ao desaloxo das súas casas e queimou ao redor de 48.000 hectáreas. Esta iniciativa buscaba contribuír á recuperación dos bosques galegos dunha forma directa pero tamén traballar na sensibilización e concienciación ambiental coa intención de promover actitudes de respecto e conservación dos bosques galegos autóctonos. Tras meses de traballo de sensibilización ambiental con distintos colectivo, en 2018 iníciase unha nova etapa na que conta coa colaboración da Fundación C&A, converténdose no único proxecto estatal co que cooperará a entidade social da multinacional téxtil C&A. Estas dúas iniciativas, tanto o Bosque da Memoria, como as xornadas Muller-es Rural Sostible, que agora ven a luz foron froito desa cooperación, pero tamén contaron coa estreita colaboración de distintos colectivos da zona como a Mancomunidade de Montes de Chandebrito así como o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).