Anuncios
Ticker de novas

Baiona, Gondomar e Nigrán seguen en alerta de vaga de calor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia da Barbeira.

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa dunha situación de alerta de vaga de calor en 43 concellos.

Segundo informa Meteogalicia, hoxe domingo día 5 agárdanse valores de temperatura máxima moi semellantes aos acadados onte sábado. Isto quere dicir que novamente se superarán os 37ºC no Miño de Ourense e Pontevedra, Sur de Lugo e Valdeorras. Ademais, en moitos puntos do centro e sur da Comunidade as máximas superarán os 34ºC.

Esta pasada noite as temperaturas mínimas baixaron en xeral en toda Galicia, aínda así quedaron altas nas comarcas de Vigo e Baixo Miño, con valores que estiveron por riba dos 20ºC.

Todo isto fai que o nivel de risco por vaga de calor estea hoxe en nivel 1-0 de alerta nestas zonas, debido a que se cumpriu que durante dous ou tres días anteriores as temperaturas mínimas e máximas foron moi altas, co conseguinte problema para a saúde pública que isto supón, xa que se seguen acumulando días de temperaturas extremas tanto polo día como pola noite.

Prevese que nos concellos que hoxe continúan en nivel 1-0 de alerta, a partir desta vindeira madrugada as temperaturas mínimas e tamén as máximas de mañá sufran entre un moderado e notable descenso en xeral. Este descenso en toda Galicia continuará sendo progresivo durante as xornadas do martes sete é do mércores oito de agosto.

Os 43 concellos en alerta para o día de hoxe son os seguintes: Carnota, Cee, Corcubión, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Cortegada, Lobios, Pontedeva, Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Covelo, Crecente, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, A Lama, Meaño, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Ribas de Sil, Quiroga, Nigrán, Pazos de Borbén, Pontevedra, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Rosal, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Cerdedo-Cotobade.

Sistemática de intervención

O Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde; a Vicepresidencia e Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Política Social, e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Este plan, que está operativo dende o un de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas de calor, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar, na maior medida posible, danos á poboación.

Recomendacións

Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

Anuncios