“As ameazas e as insidias feitas na prensa, son impropias dun alcalde”

Manifesto Miñor considera “desafortunadas” as declaracións do alcalde, Paco Ferreira, realizadas nestes días aos medios de comunicación, “sen reflexionar e supoñemos froito do nerviosismo político que lle produce a proximidade electoral”. Así mesmo, aclaran nun comunicado que os seus concelleiros forman parte do goberno municipal de Gondomar “por dereito propio e porque así o quixo o mandato popular saído das urnas, non por unha graciosa concesión do Sr. Ferreira”. Tamén recordan que calquera retirada de competencias que o alcalde dedica con respecto ás áreas xestionadas polos socios de goberno haberá de facela por escrito e axustada á lei. “As ameazas e insidias feitas na prensa, son impropias dun alcalde e axudan moi pouco a lle resolver os problemas á veciñanza, única preocupación da nosa formación política”.

Neste sentido, desde Manifesto Miñor aclaran respecto do Urbanismo de Gondomar:

1º.- O urbanismo de Gondomar foi desbloqueado grazas ao compromiso e á boa xestión do concelleiro Antonio Araújo, así como ao traballo impecable do persoal do Departamento. De feito, delimitáronse oito núcleos rurais e, no que vai de ano, déronse máis 50 licencias de obra maior e 120 Comunicacións Previas. Neste sentido, conseguimos acabar coa parálise edificatoria provocada pola mala praxe dos gobernos do Partido Popular, sempre cunha atención á veciñanza seria, puntual e respectuosa coma nunca antes houbera.

2º.- Os únicos atrasos que tivo o PXOM, como é sabido e como consta na documentación do expediente, son os que o Sr. Ferreira provocou: primeiro, atrasou a saída ás parroquias a explicar o novo borrador e, despois, negouse a asinar a cesión do contrato de EPTISA a Alfonso Botana S.L., que puido facer dende o pasado mes de setembro. Lembramos que a cesión contaba cun informe favorable da Universidade da Coruña para facelo, que por certo, acaban de validar a Secretaría Xeral e a Intervención municipais, tal como defendeu sempre Antonio Araújo.

3º.- O Sr. Ferreira fáltalle á verdade anunciando que aprobará inicialmente o PXOM neste mandato. Agora, é materialmente imposible por unha cuestión de prazos, pois hai que volver desenvolver a tramitación, aproveitando só o traballo técnico e as suxestións da veciñanza. De entrada, son necesarios uns tres meses para actualizar e ordenar toda a documentación e outros sete para resolver as ducias de informes sectoriais e trámites administrativos previos. É dicir, DEZ meses, sen contar agosto, supoñendo que polo medio a Xunta non requirise máis documentación; isto sitúanos xa no seguinte mandato. Por certo, cómpre lembrar que o Sr. Ferreira xa traballaba con este cronograma e así o fixo constar en innúmeras declaracións á prensa (como pode vir agora de salvador do PXOM cando el era partidario de comezar o proceso dende cero?).

En definitiva, segundo Manifesto Miñor, todo o traballo do concelleiro Antonio Araújo á fronte de Urbanismo, “que a cidadanía apoia e aprecia”, nunca foi apoiado ou entendido polo Alcalde. “Ben ao contrario, as máis das veces foi torpedeado por ciumes ou miopía política. Parece que Paco Ferreira aínda non comprendeu que o PXOM en Gondomar non se pode aprobar só con catro votos”.

“Recomendámoslle unha vez máis ao Sr. Ferreira que deixe de poñer paus nas rodas ao traballo dos seus socios de goberno, como fixo, por exemplo, coa súa “triunfal intervención” no desenvolvemento da primeira fase do Polígono Industrial da Pasaxe; en breve saberemos se foi real ou só propaganda cando haxa que financiala con 6 millóns de euros e non haxa con que, pois o Sr. Alcalde non fixo os deberes reservando unha partida de 500.000 € para continxencias. E non falemos dos consensos rotos, ao expulsar á CCMM de Vincios do proceso, entre outras “gloriosas actuacións”. Lamentablemente, no tema de A Pasaxe pasará igual que co saneamento do barrio de A Pedra, onde vendeu unha subvención da Xunta como conseguida e, ao presentar a petición o último día de prazo, o resultado foi de CERO EUROS de subvención, sabendo como era unha concorrencia non competitiva. Asemade, tamén lle aconsellamos que atenda as súas áreas, por exemplo, coa elaboración duns Orzamentos Municipais que saquen a Gondomar da precariedade económica; despois de tres anos de goberno, xa vai sendo hora”.

Respecto das declaracións sobre a resolución da fiscalía sobre a quilometraxe indebidamente cobrada, desde Manifesto Miñor sinalan:

1º.- Manifesto Miñor sempre se comportou con lealdade á veciñanza de Gondomar e, por iso, lle advertimos (de palabra, por email e por escrito) hai máis dun ano que non debía cobrar eses quilómetros por non ser ético, ir contra a norma (e informado desfavorablemente pola Intervención municipal) e porque nunca foron cobrados por ningún alcalde de Gondomar. O Sr. Ferreira parece que descoñece que en Gondomar hai veciños nosos que teñen que vivir con menos de 300€/mes.

2º.- Pola contra, deslealdade é negarse cumprir sistematicamente o acordo de goberno e levar a pleno o Regulamento de Participación Veciñal ou negarse a consensuar o Plan Concellos da Deputación 2018 presentando ás agochadas só os seus proxectos, incluso incumprindo un mandato plenario como é facer as obras de saneamento do barrio de A Pedra.

“Respecto das dilixencias da Fiscalía, el sabe mellor ca nós, que para iso é avogado, que a Fiscalía nin absolve nin xulga, en todo caso MM neste asunto seguimos mantendo a nosa postura: son cobros faltos de ética e deben ser devoltos. En calquera caso, dende Manifesto Miñor pareabenizámonos de que a nosa advertencia tivese como consecuencia o cese no cobro indebido deses quilómetros”, conclúe o comunicado.